Montse Prado: “O SERGAS ten que manter o servizo de pediatría no centro de saúde de Coruxo, Vigo”

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado critica a demagoxia do PP “que vota a favor das demandas veciñais no Concello de Vigo, porque non aguanta a presión, e aquí vota en contra”

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, reclamou ao SERGAS que garanta o servizo de pediatría no vigués Centro de saúde de Coruxo en lugar de desviar aos cerca de mil nenos e nenas ata agora atendidos aí ao centro de saúde de Navia, que xa está masificado.

A deputada por Pontevedra trasladou á Comisión parlamentaria de Sanidade as demandas da veciñanza, que empezou á mobilizarse para manter o servizo de pediatría non seu barrio, ao ver en risco a continuidade do servizo tras a xubilación da pediatra o pasado mes de maio e que fose substituída por unha profesional cun contrato temporal pero co aviso de que o servizo se prestará no centro de saúde de Navia.

“Traemos a voz dos veciños e das veciñas que piden manter servizo de pediatría de Coruxo que atende arredor de mil nenos e nenas, a titular xubilouse no mes de maio e o SERGAS procedeu a contratación dunha profesional ata este fin de mes, un contrato destes infames de luns a venres para non pagar as fins de semana, contratos precarios nos que se especializa o SERGAS”, denunciou Prado.

“A renovación por días disparou todas as alarmas porque o SERGAS non ten previsto garantir a continuidade do servizo de pediatría e a solución que da é trasladar aos nenos e nenas ao centro de saúde de Navia que xa está masificado. Esa é a súa estratexia: Concentración en poucos centros de saúde e os pais e nais que non queiran ir a ese centro de saúde só teñen como alternativa que aos nenos e as nenas as atendan médicos de familia”, explicou na Comisión.

Prado tamén advertiu que a falta de servizo de pediatría nos centros de saúde provocará colapsos no servizo do Álvaro Cunqueiro “porque os pais e as nais queren que os seus fillos e fillas reciban atención especializada” e senón a reciben nos seus centros de barrios irán ao hospital.  A proposta nacionalista pasa por manter a cobertura de pediatría en Coruxo e reforzar Navia cunha cuarta praza para atender a poboación infantil, “porque desde o BNG non estamos dispostos a aceptar o argumento de que non hai especialistas en pediatría”.

“Ter unha boa atención pediátrica mellora a saúde dos e das nosas nenas e o contrario empeora a súa saúde. Non aceptamos este marco de que non hai pediatras e deben ser atendidos por profesionais de cabeceira, -hoxe un 12% os nenos e nenas xa que non reciben atención especializada-”, salientou Prado, quen criticou “a demagoxia do PP que vota no Parlamento en contra da proposta do BNG de ter pediatría no centro de Coruxo mentres no concello de Vigo ese mesmo PP acepta as demandas da veciñanza porque non aguanta a presión da mobilización. É o que mellor saben facer: votar unha cousa e a súa contraria”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG