Montse Prado recrimina a escurantismo do PP cos plans de emprego xuvenil, que tilda de “estafa” á mocidade

Montse Prado
Montse Prado

“Subemprego, precariedade, temporalidade e empobrecemento lastran o futuro da mocidade galega”,  denuncia a deputada do BNG

A portavoz parlamentaria de Emprego, Montse Prado, acusou ao PP de opacidade cos Plan de emprego xuvenil porque se nega a facilitar os datos dos resultados dunha iniciativa que custa millóns de euros cada ano, pero que a formación nacionalista cualifica de “estafa” á xente moza e ao conxunto da cidadanía.

“Seis meses despois de ter participado nun destes plans, o 47% dos e das mozas seguen sen emprego, o que da unha idea da súa efectividade, pero o PP lonxe de corrixir o seu erro e atender mesmo as recomendación do tribunal de contas europeo persiste en gastar millóns de euros nuns plans simplemente para mellorar as estatísticas, pero que non conseguen integrar a xente moza no mercado de traballo”, denunciou Prado en comisión parlamentaria.

A deputada do Bloque botou man dos datos para evidenciar a situación laboral da xente moza, salientando que o 80% dos empregos perdidos foron entre a  mocidade, “que ademais é a destinataria preferente das modalidades de contratación precaria, os salarios entre 18 e 35 anos baixaron ata un 28% nesta franxa de idade e, dende 2009, Galiza perdeu 114.227 mozos e mozas”, argumentou. O número de persoas entre 16 e 34 anos ocupadas, “descendeu espectacularmente tamén desde a chegada de Feijóo á Xunta, con 120.451 menos nas listas da seguridade social”.

“Un país non pode permitirse destinar, ano tras ano, millóns de euros, en plans dos que non se sabe o resultado da súa efectividade, nin como está incidindo na situación laboral da nosa mocidade, aínda que os datos estatísticos son elocuentes da situación de subemprego, precariedade, temporalidade e empobrecemento que afecta á mocidade galega lastrando o seu futuro”, indicou Prado.

“Cos recursos públicos hai que ser moi escrupuloso e non ten sentido repartir fondos sen avaliar o seu resultado”, insistiu, en relación “ao escurantismo e a opacidade do PP” que de novo vetou a solicitude de datos sobre os plans de emprego xuvenil. “O único obxectivo da Xunta é publicitario, pero detrás da publicidade está a dura realidade laboral da xente moza deste país”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG