Montse Prado reclama axudas para a frota da sardiña e medidas para a recuperación da pesqueira

Montse Prado
Montse Prado

Critica a “indolencia” da Xunta e pídelle que deixe de “poñer paus nas rodas do sector” que suma 150 embarcacións

A portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, instou á Xunta a que cambie a súa política en relación á frota da sardiña “e pase  de poñerlle paus nas rodas ao sector a poñerse do seu lado, en lugar de tentar enfrontalo e dividilo”. O BNG denunciou na Comisión de Pesca o reparto “desigual e inxusto” para a frota galega derivado dos acordos entre España e Portugal, ante a inacción do Goberno de Feixóo, e reclamou axudas para os tripulantes e medidas para a recuperación biolóxica desta pesquería.

Ese acordo de reparto da sardiña reserva para a frota lusa o 65% das capturas, cando apenas supera o cento de embarcacións, e para España o 35%, pese a que a frota suma 330 barcos dos que a metade son galegos. “E non saen precisamente ben parados no reparto”, denunciou Prado.

A portavoz de Pesca foi moi crítica coa negativa do PP a apoiar unha iniciativa do BNG a favor da frota da sardiña, “cando a Consellería do Mar debería estar implicada na defensa do sector en lugar de limitarse a dicir que son cuestións que dependen de Madrid, demostrando unha indolencia e unha irresponsabilidade que vai deixar á frota da sardiña ao pairo”.

“Pese as peticións do sector, a Xunta permitiu que Madrid non fixera nin puñetero caso e agora non sabemos que ten previsto para defender esta frota, desde logo no Bloque temos claras as propostas: axudas aos tripulantes e medidas para favorecer a recuperación do stock desta especie”, salientou. “Medidas medioambientais e medidas socioeconómicos é o que ten que facer o goberno por unha frota que non é menor en Galiza”, recalcou.

Prado tamén advertiu da posibilidade de que se poda establecer no futuro algún tipo de reparto das capturas desta especie a través da modalidade de cupo, o que sería “moi prexudicial” para a frota galega posto que se aplicaría o criterio de dereitos históricos nos que Galiza sae perdendo.

“Outras frotas estiveron acumulando dereitos históricos, e se deciden aplicar cupos o que a Galiza lle correspondería co reparto feito polo Estado español sería unha auténtica miseria se é que non se traduce definitivamente no peche desta pesqueira”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG