Montse Prado pregunta a Almuíña até cando van seguir poñendo en risco a saúde das galegas e galegos

Montse Prado
Montse Prado

Pídelle ao conselleiro que saía do seu “planeta Sergas” e negocie cos profesionais do sistema público de saúde

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, pediu ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña,  que saía do seu particular “planeta Sergas, onde non chegan os problemas” e atenda aos profesionais do sistema público de saúde, que denuncian a precariedade e falta de medios nas que teñen que facer o seu traballo tras unha década de recortes e privatizacións do PP.

Tras o dramático suceso no PAC da Estrada, “lonxe de tomar nota, seguen facendo o mesmo e o pasado 29 de Novembro o PAC de Tui estivo sen persoal médico durante máis de dúas horas porque se desprazou á Guarda para cubrir a ausencia de médico”, denunciou Prado, “de novo desvestir un santo para vestir outro, a mesma imprudencia, a mesma temeridade repetida una e outra vez, xogando coa vida das persoas”.

Por iso, a deputada preguntaba ao titular de Sanidade: “Até cando van seguir poñendo en risco a saúde e a vida dos galegos e galegas por non atender as demandas dos profesionais?”.

O BNG tamén denuncia que a Xunta ignore ás demandas dos profesionais da sanidade, desde as reclamacións do persoal do servizo de urxencias do CHUS, “que leva un mes en folga solicitando máis persoal e melloras dun servizo en situación de colapso permanente”, pasando polo persoal do Hospital do Salnés, “que denuncian plantas con multipatoloxías, camas pechadas, e carga de traballo brutal sen reforzos”.

Neste sentido, Prado acusou ao Sergas de comportarse “como a peor das ETTs, realizando contratacións lixo, dun día para outro, de media xornada, sen respectar os días de libranza”. Ás demandas dos profesionais súmase a preocupación e indignación da poboación farta de soportar o deterioro da sanidade pública.

“A cidadanía non está disposta a que a deixen sen pediatras, a que lle pechen os centros de saúde polas tardes durante días e teñen indignada á veciñanza de Cambados, Cuntis, Aldán, Mondariz, Moaña, Soutomaior ou Pontecaldelas”, denunciou. “Son cada día máis as e os profesionais e a veciñanza que protestan para defender unha sanidade pública que é unha conquista moi prezada e non lle van permitir ao PP que a destrúa pinga a pinga”.

Prado deixou claro que a oferta de prazas do Sergas é totalmente insuficiente para compensar e repoñer todos os profesionais que foron expulsados do sistema de saúde público. “Saben cantos anos serían precisos a ese ritmo de oferta para recuperar o emprego que se levaron por diante os seus recortes?”, un deterioro da sanidade pública premeditado “para facer derivacións á privada”.

A deputada nacionalista reclamou ao conselleiro que se poña a negociar cos profesionais da sanidade para dar unha resposta acaída as súas demandas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG