Montse Prado pide á Xunta que escoite o clamor social nas rúas reclamando sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade

Montse Prado
Montse Prado

Defende unha moción con medidas urxentes  para reforzar a Atención Primaria, rematar coa “precariedade laboral e de recursos”, garantir o relevo xeracional, recuperar as consultas presencias e sacar da UCI á sanidade pública galega

Lamenta que  o Partido popular persista nunha postura contraria ás demandas socias e do persoal da sanidade e deixe “esmorecer” a Atención Primaria

Montse Prado pide á Xunta que escoite o clamor social nas rúas reclamando sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade

A través dunha moción en defensa  da Atención primaria,  a portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado demandou ao goberno galego, un cambio de rumbo na política sanitaria e pediu á Xunta “que escoite o clamor social nas rúas reclamando unha sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade”.

O Partido popular presentou unha emenda ao texto do BNG que a deputada  rexeitou por considerar que edulcoraba os puntos da moción e “non aportaba ningunha medida na dirección de  reforzar a Atención Primaria” como reclamaba a nacionalista.

Na defensa da moción, Montse Prado afirmou que  “o PP leva 12 anos desoíndo os avisos para  reforzar a Atención primaria, desoíndo os avisos sobre a necesidade de garantir o relevo xeracional e  desoíndo os sinais de socorro ante a saturación e o colapso”.

 O PP, reiterou, Prado,   leva 12 anos descapitalizando  a sanidade pública e desmotivando aos seus profesionais con políticas que conduciron a Atención primaria á “UCI”, unha Atención Primaria “ moi querida nos discursos da Xunta pero esquecida nos recursos”.

Montse Prado  indicou que os aplausos dedicados ao persoal da sanidade pública durante a pandemia, “quedaron en nada” como constatan as  contas  da Xunta para o 2022. Prado insistiu en que o actual contexto precisa  “auténtica aposta pola Atención Primaria” e non  aplicar un orzamento máis baixo que no ano 2020, con 2M€ menos. A respecto do ano 2009, engadiu,  son 47 millóns de euros menos pero, a maiores, se  nestes 12 anos, fose aplicado o IPC, a cifra situaríase en “277 millóns de euros” que a sanidade pública non recibiu.

Por outra banda, a deputada tamén  criticou “o ninguneo” e falta de recursos orzamentarios que colocan a Galiza “na cola” do Estado  en investimento en Atención Primaria cun 12% e moi lonxe do aconsellado por todos os estudos. “A Atención primaria galega sae da crise da COVID máis debilitada do que entrou” afirmou.

O PP deixa esmorecer a Atención primaria

Si a Atención Primaria esmorece, esmorece o sistema sanitario público, e con el o dereito á protección da saúde. Neste sentido, asegurou que as medias propostas polo BNG, “son factibles”, entre as que destacou: restituír a atención presencial ao 100% con todas as garantías sanitarias, limitar  as consultas telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias, reabrir os consultorios pechados ao inicio da pandemia, garantir a atención telefónica sen demoras coa dotación necesaria no servizo  para que os profesionais podan  responder ao aumento  da demanda.

Ademais, a moción do BNG incluía a aprobación e publicación das conclusión das comisións de traballo do Consello Técnico de Primaria,  poñer en marcha as axendas con procesos finalistas de cada profesional, recoñecer o mapa de competencias de cada categoría e incorporar á Carteira  de Servizos de  Atención Primaria categorías imprescindíbeis para  prestar unha atención integral e descolapsar as listas de espera. “Persoal de psicoloxía e farmacia clínica, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras sociais, podólogos” tamén foron demandados na iniciativa do BNG.

Medidas  para rematar coa precariedade laboral

A deputada denunciou a precariedade e explotación nas contratacións de persoal na sanidade pública e defendeu rematar con esta situación laboral  anómala con medidas como: un plan de retorno e captación de profesionais con contratos dignos e estables e sobre todo, “evitar que sigan marchando para a sanidade privada e o estranxeiro”.

Ao eu xuízo, urxe un Plan de Ordenación de Recursos Humanos para identificar  persoal de cada colectivo e proceder a súa cobertura, en todas as categorías tanto nos centros de saúde como  nos PACs e retirar na Lei de  Medidas Fiscais e Administrativas, que acompaña aos orzamentos da Xunta para 2022, no capítulo IX. Sanidade, o artigo 34: “Medidas extraordinarias en materia de planificación e ordenación de recursos humanos de atención primaria de Galicia” porque non recolle as verdadeiras demandas da sanidade nin inclúe a súa negociación cos profesionais. Persisten en anunciar accións para mellorar o modelo organizativo, implantando “axendas de calidade” cando “non hai organización que valga se non hai aumento de persoal, nin  orzamento”.

As axendas de calidade son “papel mollado” se non hai profesionais, dixo con rotundidade e  volveu a reclamar ao PP “un cambio de rumbo” e unha aposta decidida pola Atención Primaria.

 

Montse Prado pide á Xunta que escoite o clamor social nas rúas reclamando sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade