Montse Prado pide a Xunta unha implicación real para garantir a conciliación familiar e laboral

Montse Prado
Montse Prado

As mulleres dedican 4,3 horas diarias ao traballo doméstico, o dobre que os homes, e supoñen o 92% das excedencias para coidado dos menores

O BNG denuncia que as traballadoras do consorcio de Igualdade teñen que recorrer á xustiza para facer valer os seus dereitos en conciliación

Montse Prado pide a Xunta unha implicación real para garantir a conciliación familiar e laboral

O BNG insta á Xunta a ter unha implicación real e proactiva na conciliación familiar e laboral das mulleres que, a día de hoxe e pese a normativa que figura no papel, seguen discriminadas á hora de compaxinar o desenvolvemento profesional coa vida persoal.

“Fálase moito da conciliación pero cando se analizan os datos evidencian que queda moito por facer”, salientou a portavoz parlamentaria de Igualdade, Montse Prado, botando man dun recente estudo da CIG.

O 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou persoas dependentes en Galiza son mulleres, tamén o 77% das persoas con redución de xornada por coidado de menores de 12 anos;  o 91,6% das excedencias para o coidado de fillos ou fillas foron solicitadas por mulleres. Sete de cada dez persoas que reducen ou deixan o seu traballo para atender a dependentes teñen sexo feminino.

Seguindo cos datos do citado informe, a redución de xornada para coidado de menores é practicamente exclusiva das mulleres, das 39.470 persoas traballadoras que reduciron xornada en 2017 para o coidado de menores, un 77% foron mulleres. Das 106.374 que precisaron axuda externa para o coidado de menores recorreron no 86,7% dos casos aos avós ou avoas que, maioritariamente, non viven no mesmo fogar.

“Que a unha nai ou a un pai lle teñan que coidar as súas fillas os avós non é conciliación, que teña que reducir a xornada laboral ou que teñan que deixarlle os fillos a terceiras persoas non é conciliación”, salientou Prado na comisión parlamentaria de Asuntos sociais.

Do estudo elaborado pola central sindical tamén se conclúe “que os poderes públicos non teñen como prioridade avanzar na conciliación real e parecen dar a entender que é unha cuestión privada que deben resolver de xeito individual as propias mulleres”, reprochou a deputada.

Neste sentido, o Bloque puxo como exemplo desa falta de compromiso real por parte do Goberno o feito de que as mulleres que traballan no Consorcio galego de igualdade e benestar estanse vendo obrigadas a reclamar o seu dereito a conciliar pola vía xudicial, salvo que simplemente opten por redución de xornada “co que iso implica de redución de salario e da futura prestación por pensión”, indica.

“A xunta debe actuar para cambiar esta situación e dar exemplo ao sector privado en tema de conciliación laboral e familiar”, demandou a deputada, “pasen das medidas no papel a ser proactivos e a esixir o seu cumprimento, porque as mulleres non podemos levar sobre as nosas costas traballar e conseguir a igualdade”, alegou.

En concreto, Prado demandou que a Administración dea exemplo primando na contratación pública ás empresas que cumpran a lei de igualdade e que non permitan ningunha discriminación de xénero ou de incumprimento da normativa da conciliación.