Montse Prado pide á Xunta que atenda as demandas do persoal dos PACs e mellorar a asistencia sanitaria

Montse Prado
Montse Prado

“Mentres Feixóo lle poñía o ramo a farsa da comisión autoexculpatoria do PP, os profesionais manifestábanse ás portas do Parlamento”, denuncia

Un ano. Ese é o tempo que os profesionais dos PACs levan tentando sacar adiante unha táboa de reivindicacións laborais pero sobre todo de demanda de máis medios técnicos e humanos que permitan mellorar a asistencia sanitaria que prestan a poboación e evitar situacións como a traxedia do PAC da Estrada, na que un doente faleceu por falta de persoal que o atendera.

Esas reivindicacións, denunciou a portavoz de sanidade, Montse Prado, son as que o PP non quere escoitar na súa comisión de absolución dunha década de recortes e privatizacións: “Mentres Feixóo lle poñía o ramo a esa farsa de comisión autoexculpatoria, había un grupo de traballadores e traballadoras dos PACs que se  manifestaban diante do Parlamento porque o Goberno non quere escoitalos, nin atende as súas demandas”.

Prado indica que a táboa reivindicativa de fai un ano “segue vixente” e está detrás da folga indefinida iniciada por uns profesionais que o Executivo do PP “se nega a escoitar”, pese a que prestan asistencia sanitaria pública ao 25% da poboación.

“Néganlles dereitos laborais, medios básicos a un persoal que atende situacións tan graves como as emerxencias derivadas de casos como a explotación de Paramos ou do accidente do Marisquiño, que denuncian que moitos PACs quedan desatendidos por falta de persoal cando teñen que acudir a atender unha urxencia fora”, indicou a modo de exemplo.

Pese ao veto do PP á proposición non de lei a favor dos e das traballadoras dos PACs, Prado asegurou que o BNG “non vai deixar tirados a este persoal que a Xunta non escoita e imos seguir sendo a súa voz mentres non convoquen unha mesa sectorial específica para abordar as súas demandas, porque ter maioría non xustifica que o PP poda facer o que lle dea a gana”, criticou.

“Parcheando, mentindo e dividindo aos profesionais non van conseguir solucionar o problema. Convoquen a mesa sectorial porque non se merecen o trato que lle están a dar”, concluíu Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG