Montse Prado pide no Parlamento unha xestión pública da lonxa de Ribeira na que participen as confrarías e o sector

Montse Prado
Montse Prado
  • A  deputada asegurou que a actual xestión privada da lonxa  non permite aos operadores acceder por mor das abusivas condicións económicas polo que reclamou “unha xestión pública” incluíndo as confrarías. Ante o anuncio do Presidente de Portos dun novo concurso por un período de 50 anos,  reclamou non incorrer nos mesmos erros e implicar aos axentes do sector

A deputada e portavoz de pesca do BNG, Montse Prado formulou hoxe diversas preguntas relativas á situación da nova lonxa de Ribeira tras a concesión, despois do concurso de Portos de Galiza a UTE LONXA DE RIBEIRA. Para a deputada, a concesión, tras un  “procedemento curto e escurantista” creou  gran incerteza en Ribeira ao descoñecer quen está detrás da UTE e a  intención de cobrar aos usuarios o 3% da pesca descargada fronte o 1,5% da  proposta inicial.

Tras o anunciou do presidente  de Portos de Galiza, José  Durán Hermida dun novo concurso para adxudicación da xestión  da lonxa por un período de   50 anos a parlamentaria pediu “non cometer os mesmos erros” e buscar acordos para “unha xestión pública” na que formen parte as confrarías  e o sector pesqueiro. É necesario, recalcou que exista unha “interlocución real entre a administración e o sector”.

O BNG non quere que a lonxa de Ribeira se converta “no desastre do mar” e que 17 millóns de cartos públicos sirvan para intereses privados como acontece no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Prado reiterou que é necesaria unha nova figura para a xestión pública da Lonxa con representación, tanto  da administración como do  sector pesqueiro.

 Por outra banda, a deputada tildou a lonxa de estrutura faraónica do mar a modo de Gaias e cuxo investimento foi puramente “electoral”. Agora, explicou a nacionalista, son as propias empresas as que están a negociar que as confrarías  da Barbanza entren a formar parte da xestión da lonxa cando en realidade debería ser a administración a que se preocupara por esta integración.

A nacionalista lembrou que  todo indicaba que tanto a nova infraestrutura como o concurso “non serían competitivos” como demostrou a negativa de moitos operadores ante os prezos na utilización das instalacións, entre os que destacou o   pago de 200 a 300 euros por aparcamento e a taxa por pesca descargada.

A parlamentaria asegurou que despois de investir 17 M€  na lonxa procedentes de  diversos fondos públicos, a lonxa de Ribeira   debe ser xestionada de “maneira pública e coa participación das confrarías e o sector”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG