Montse Prado pide explicacións á Sanidade sobre os pagos de farmacéuticas ao responsábel de pediatría do CHUS

Montse Prado
Montse Prado
Lamentou que o Xerente do Sergas declinara responder ás preguntas do BNG sobre a  relación de Martinón Torres coas farmaceúticas que promocionaban  vacinas contra a meninxite B

A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao goberno  na comisión de sanidade sobre “o cobro de honorarios” do pediatra Federico Martinón, xefe do servizo de Pediatría do CHUS, por parte de farmacéuticas que promocionaban vacinas contra a meninxite.

Para a deputada, o goberno debe explicar como un profesional nomeado pola Xunta para ocupar un posto relevante cobra das farmacéuticas. Na súa opinión,  se está  a producir un “conflito de intereses” pola súa vinculación e responsabilidade na  investigación destinada a nenos e nenas ademais de estar considerada unha das voces públicas á hora de defender a idoneidade da aplicación da vacina da meninxite B.

Tras a intervención  do xerente do Sergas, Fernández Campa declinando  responder ás cuestións formuladas pola nacionalista, Prado  preguntou se o PP está protexendo a Federico Martinón e a súa relación coas farmacéuticas propietarias da devandita vacina.

A parlamentaria do BNG lembrou que o pasado 16 de xullo un medio de comunicación facía pública unha información co título “Investigadores de centros públicos cobran ‘honorarios’ das farmacéuticas cuxas vacinas promocionan”. A nova do xornal afirmaba que o pediatra Federico Martinón Torres, cobrou miles de euros de farmacéuticas cuxas vacinas  para a meninxite promocionaban mentres o  Ministerio de Sanidade debatía a incorporación ao calendario oficial, e ao tempo que a Axencia Española do Medicamento permitía a súa comercialización en farmacias.

A Axencia do Medicamento, engadiu a nacionalista tomou a decisión  de converter Bexsero de GSK en produto de acceso en farmacias e  a tetravalente de Pfizer. No 2019 as dúas vacinas pasaron ao calendario oficial  a partir dos 12 anos implicando o seu  financiamento público e miles de vendas. Neste sentido, a deputada manifestou que a información apuntaba a que o pediatra Martinón Torres ingresou 71.800 euros de Pfizer, 24.500 de GSK, 29.474 de MSD e 23.231 de Sanofi.

Prado lembrou que  información produce nun contexto no que o Partido Popular foi dando pasos para ceder o I+D+i do Servizo Galego de Saúde ao ámbito privado, de maneira  que tanto as industrias sanitarias  como as farmacéuticas privadas sexan as principais fontes de financiamento das actividades e instalacións, e polo tanto teñan o control de organismos estratéxicos  como ACIS, Axencia de Docencia, Formación, Investigación, Innovación e Avaliación de Tecnoloxías e Servizos Sanitarios, e a Axencia Galega de Sangue e Tecidos.

Para a deputada resulta unha evidencia  que a Consellaría de Sanidade e o  PP crearon a ACIS, Axencia galega do Coñecemento en Saúde, e a Axencia Galega de Sangue e Tecidos,  para dar cabida á “colaboración público privada” e transferir o coñecemento do sector público á  empresa privada. Neste sentido reclamou a “integración das fundacións de investigación ao sector público” coa preceptiva rendición de contas.

Ante a negativa de Fernández Campa a responder, a deputada do BNG volveu a preguntar pola opinión do Goberno sobre a información do cobro de “honorarios” por valor de miles de euros da industria farmacéutica deste profesional con tantas responsabilidades na sanidade pública galega e que accións emprenderá para clarificar a situación porque de non iniciar ningunha medida, afirmou,  o Goberno galego demostrará que   “avala” o proceder “irregular do pediatra Federico Martinón”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG