Montse Prado pide ao SERGAS efectividade na comisión que negocia as reclamacións do persoal dos PACs

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, reclamou á directora de recursos humanos do Sergas, Margarita Prado Vaamonde, que garanta a eficacia e a rapidez da comisión técnica creada o 27 de abril cos representantes do persoal sanitario dos puntos de atención continuada (PACs) para tratar as súas reivindicacións en materia de recursos económicos e laborais.

Prado acolleu con escepticismo as mostras de boa vontade expresadas pola responsable da Xunta, tendo en conta que os feitos están a contradicir as súas palabras.

“A comisión técnica creouse froito da presión o 27 de abril co compromiso de que se reuniría nun mes, non foi así e a segunda reunión non se producirá ata este 22 de xuño case dous meses despois”, salientou Prado, “ademais, na primeira xuntanza demostrouse a pouca vontade do SERGAS de chegar a acordos cos traballadores e coas traballadoras dos PACs, dilatan o conflito sen chegar a solucións para un colectivo que leva demostrado un aguante moi por riba do que sería normal, pola súa responsabilidade á hora de dar resposta a asistencia sanitaria da poboación”.

De cara á inminente reunión, a deputada do Bloque propón que o SERGAS leve xa unha “calendarización” en resposta ás diferentes demandas do persoal que son sobradamente coñecidas pola consellería de Sanidade. Igualmente, Prado criticou os diferentes criterios aplicados ás persoas profesionais dos PACs en función de cada xerencia “polo que pido a mediación do SERGAS ante un persoal sanitario que soporta un maltrato superior ao que aguantan os e as profesionais da sanidade pública neste país”.

De cara á negociación nesa comisión técnica, a nacionalista advertiu que por parte do BNG non se vai admitir que se lle obrigue a elixir ao persoal entre optar pola súa carreira profesional ou por outros dereitos laborais, como pode ser o cobro do 100% dos complementos de noite e festivos, “non é de recibo”.

“Que a reunión de mañá sexa operativa e funcione con axilidade para que os e as traballadoras dos PACs podan entrar no período estival tranquilas, tras resolver a táboa reivindicativa con rapidez e na dirección que demandan”, concluíu.

Nesa táboa reivindicativa inclúense melloras asistenciais e laborais con equipos completos de médic@ e enfermeir@, que se cumpran os tempos de descanso, pago do 100% dos complementos salariais, computo de xornada, sufragar as dietas de xantar e cea cando teñen a quenda de 24 horas en domingos e festivos, entre outras cuestións.

O peche vespertino na época de verán dos centros de saúde, -como nos casos de Cambados, Tui, Gondomar, Moaña-, agudizan a sobrecarga de traballo dos PACs sen que se reforcen os cadros de persoal, sobrecarga asistencial que se incrementa en época estival ata verse colapsada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG