Montse Prado pide ao SERGAS que cubra as vacacións do persoal facultativo do centro de saúde do Rosal

Montse Prado
Montse Prado

Critica que no verán agudízase a precariedade asistencial porque non se cobren as ausencias por vacacións, nun centro no que o persoal está desbordado cunha ratio de tarxetas por riba do estipulado

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, reclamou na Cámara que o SERGAS cubra as baixas de facultativos no centro de saúde do San Miguel de Tabagón, no concello do Rosal que, se todo ano arrastra deficiencias de persoal, a situación empeora no período estival porque non se cobren as ausencias por vacacións dos profesionais sanitarios.

A deputada por Pontevedra subliñou que un concello de 6.300 habitantes conta só con 3 facultativos, 3 enfermeiras e un pediatra que atende tres veces a semana. “Superan a ratio de 1.500 tarxetas sanitarias por médico establecido como idóneo durante todo o ano”, indica Prado, situación que se agudiza nestes tres meses.

“A poboación está alarmada e pídenos solucións porque agora as 1.612 cartillas por profesional, ao faltar un facultativo, pasan a ser 2.400 cartillas por profesional. E a que lle chaman no PP reorganización? A que os profesionais que quedan fagan o traballo de todos. É un auténtico abuso e a poboación queda totalmente desatendida, ante a súa improvisación e a súa falta de planificación que se traduce nunha  desatención á poboación e nunha desconsideración cos profesionais”, denunciou Prado na intervención da comisión parlamentaria de Sanidade.

Para reclamar un cambio de rumbo e a substitución cando menos das baixas, o Bloque presentou unha proposición non de lei que foi rexeitada cos votos do PP, pese a continuada mobilización do persoal e das persoas doentes, e tamén pese á mobilización social en defensa da sanidade pública e contra a política de recortes da Xunta que está provocando un deterioro constante da sanidade pública. En particular na atención primaria, cun descenso de 2.000 millóns de investimentos na última década.

No caso do concello do Rosal, afondou Prado, a zona de ribeira queda varios meses sen atención sanitaria, “o que se vive como unha afronta por parte da poboación afectada obrigada a desprazarse varios quilómetros sen ter transporte público para recibir atención primaria”.

“A mobilización non deixa de medrar entre profesionais e doentes pedindo un cambio de rumbo na sanidade pública fronte ás políticas de recortes do PP, que afecta sobre todo á atención primaria sumida nunha crise de calidade, de accesibilidade e de racionalidade”, indicou Prado. De tal xeito que os centros de saúde  “van camiño de converterse en centros masificados e desbordados con listas de espera e precariedade laboral que fai que non exista a estabilidade asistencial. Non é unha situación puntual senón a consecuencia da falta de persoal”.

“Canto mais rural máis se precariza o servizo sanitario en concellos que xa teñen de por si menos medios. Demandamos que substituían aos facultativos neste centro de saúde, para que a veciñanza non quede desprotexida”, concluíu a deputada nacionalista, criticando o veto do PP a esta demanda de profesionais e doentes.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG