Montse Prado pide ao goberno medidas para garantir a viabilidade da flota do cerco no 2018

Montse Prado
Montse Prado

Destaca a situación de inestabilidade pola falta de ingresos da flota amarrada durante meses e pide medidas urxentes

Montse Prado pide ao goberno medidas para garantir a viabilidade da flota do cerco no 2018

Para a deputada  do BNG, Montse Prado, as consecuencias negativas da  situación da flota do cerco son consecuencia da “ despreocupación do goberno” polo sector e asegurou que a estas alturas, a Xunta non pode escudarse nunha avaliación de dependencia socioeconómica  para implementar   medidas que se veñen aplicando   “en Portugal e Andalucía ano tras ano”.

Prado cualificou de “decepciónante” un goberno que mantén “a inseguridade ” do sector sobre todo cando é consciente do reparto desigual das cotas de pesca  por parte do Estado español. Neste sentido, explicou   que  mentres o País Vasco negocia melloras para a súa flota, dende aquí, o goberno galego mantén “unha postura indolente” que rematará  como sempre, “repregándose aos ditados de Madrid”. A nacionalista preguntou qué vai facer a Xunta para defender os intereses galegos do sector?. Un sector que conta   na actualidade con 154 barcos e do que viven    1.500 persoas  de maneira directa.

A parlamentaria manifestou que en primeiro lugar, a Xunta debe recoñecer a existencia do problema e non seguir ocultando esta evidencia, e en segundo lugar, implementar as medidas necesarias pero, trala resposta da directora xeral de Pesca, a nacionalista replicou que “seguimos con máis do mesmo e non queren recoñecer que hai un sector que malvive”. Non metan a cabeza  baixo da á e afronten a realidade porque a flota do cerco non pode estar, ano tras ano, sometida a  “sobresaltos, incertidume, e incerteza constante”.

Pola súa parte, a directora xeral de Pesca anunciou que as medidas tomadas no ano 2017 terán continuidade no 2018 porque o reparto en Bruxelas das porcentaxes “son inamovibles”. A responsable de pesca coincidiu coa nacionalista en que o que realmente produce incertidume  é o total do TAC que se decide cada ano.