Parlamento Galego

Montse Prado: “Os orzamentos de 2017 son máis do mesmo o que significa peor sanidade pública”

Montse Prado coas organizacións sindicais do SERGAS
Montse Prado coas organizacións sindicais do SERGAS
  • Continúa a precariedade laboral, 2.000 prazas suprimidas que non se repoñen, déficit na atención primaria e servizos privatizados, argumenta

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, anunciou o voto en contra do BNG contra o proxecto de orzamentos presentado polo Goberno para 2017 porque non aportan solución aos problemas que lastran a sanidade pública tras anos de recortes e de privatizacións. “Son máis do mesmo, o que significa peor sanidade pública”, sintetizou a deputada tras escoitar as explicacións en Comisión do conselleiro de Sanidade.

Prado incidiu na precariedade laboral do persoal sanitario e no feito de que a taxa de reposición prevista nas contas públicas no permite recuperar aos 2.000 profesionais suprimidos ao longo dos últimos anos, ao que se suma o “abuso” na contratación temporal e a eliminación de prazas cuxas funcións pasan a ser asumidas por outros traballadores e traballadoras “cada vez máis sobrecargadas”. Pese a esta política de persoal do Sergas, a deputada salientou que é “a entrega” dos e das profesionais a que sostén o sistema sanitario.

A escasa dotación para a atención primaria foi outro dos factores que mereceu a crítica da portavoz nacionalista, -con apenas 6M€  para novas dotacións en centros de saúde-, ademais segue sen darse resposta a servizos longamente demandados como a prestación de hemodinámica 24 horas nos hospitais de Lugo e de Ourense, non hai pasos para reverter a privatización de servizos no Hospital de Vigo e continúan as insuficiencias orzamentarias para atención en drogodepedencia.  

En definitiva, concluíu Prado, uns orzamentos continuistas, que non abordan as cuestións de fondo para mellorar a sanidade pública, que non dan marcha atrás nas privatizacións e que segue cunha política de persoal baseada no recorte e na precariedade pese a tratarse dun servizo básico para a cidadanía.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG