Parlamento Galego

Montse Prado logra o apoio do Parlamento para combater a discriminación laboral e a fenda salarial das mulleres

Montse Prado
Montse Prado
Entre as medidas aprobadas, a elaboración dun estudo da situación laboral das mulleres, vixiar o cumprimento da normativa e dotación nos orzamentos dunha partida para loitar contra a diferencia salarial

O BNG logra un acordo unánime dos grupos do Parlamento a favor dunha batería de medidas que teñen como obxectivo combater a discriminación laboral e a fenda salarial que soportan as mulleres, co obxectivo último de que a igualdade que recolle a lexislación se cumpra na vida real.

A deputada Montse Prado autora da moción que suscitou o consenso agradeceu o apoio e mostrou a súa preocupación “por unha situación que, en lugar de mellorar, non fixo máis que empeorar de tal xeito que as diferencias entre sexos no mercado de traballo son cada vez maiores e, no caso de Galiza, os datos sinalan unha situación máis grave que a da media da UE e do Estado español”.

Para corrixir esta situación de crecente desigualdade, o primeiro é ter unha boa diagnose e por iso, a moción aprobada pola Cámara a proposta do Bloque inclúe como primeira medida que a Xunta elabore un minucioso estudo sobre a situación laboral das mulleres e impulsar as medidas necesarias, coa correspondente dotación económica, para abordar as carencias que se detecten no informe de cara a fomentar un emprego estábel e de calidade para as mulleres.

O segundo punto aprobado insta o Goberno galego a promover e vixiar o cumprimento da lexislación en materia de igualdade laboral e traballar transversalmente pola eliminación das discriminacións. “Se se pon tanto empeño en que se cumpra por exemplo a lexislación fiscal por parte das empresas, porqué non se pon o mesmo en que se cumpra a lei en materia de igualdade?”, interpelaba Prado durante a defensa da moción.

Un terceiro aspecto que recolle a iniciativa nacionalistas consiste en elaborar, en colaboración co Consello Económico e Social, o Consello Galego de Relacións Laborais e as universidades galegas un estudo sobre o impacto da fenda salarial na economía galega e unha exploración de propostas para corrixila no ámbito das competencias propias.

Neste sentido, Prado sinalou que fenda salarial que soportan as galegas é de 5.488 euros anuais, cun incremento de mil euros desde 2009, “o que supón un aumento do 22% fronte ao 5,8% da media estatal con 285 €”, indicou, “traducido a días laborais significa que unha galega ten que traballar 71 días máis que un galego para ganar o mesmo, unha diferencia brutal que, ademais, está moi por riba da media da UE (59 días en detrimento das mulleres) e do Estado (52 días)”.

Por iso, o cuarto punto da moción aprobada recolle dotar unha partida “suficiente” e non meramente testemuñal nos orzamentos da Xunta 2020 para combater a fenda salarial que soportan as galegas.

Igualdade na contratación pública

A deputada nacionalista tamén conseguiu sacar adiante a esixencia ao Goberno de Feixóo para que presente un informe no Parlamento no primeiro trimestre de 2020 sobre o nivel de aplicación e cumprimento do acordo aprobado por unanimidade o 13 de marzo de 2019 no que se apostaba por incorporar cláusulas de igualdade na contratación pública galega.

E, finalmente, o acordo logrado por Prado tamén inclúe reclamar ao Goberno español o aumento dos efectivos de inspección laboral para incrementar as inspeccións e as sancións para que as categorías e os pluses non encubran desigualdade salarial. Para tal fin  demandar a introdución na lexislación, de sancións económicas para aquelas empresas que non garantan a equidade salarial entre mulleres e homes.

Traballo dos coidados invisibilizado

Por último, tamén en relación ao Goberno do Estado, a inmediata equiparación de dereitos laborais e protección social para as traballadoras de fogar e de coidados, incluídas as prestacións por desemprego, a cotización por salarios reais e iguais condicións para o cálculo das pensións.

Neste sentido, a moción demanda o recoñecemento pleno no Estatuto dos Traballadores e Traballadoras e integración completa no Réxime Xeral da Seguridade Social así como a sinatura do Convenio 189 da OIT.

“O traballo dos coidados é imprescindible para a sociedade, pero está invisibilizado e non se recoñece nin se valora. Hai que rematar coa precarización de miles de mulleres que traballan no sector dos coidados que converte a explotación en beneficios para uns poucos”, concluíu Prado.

A deputada salientou que o BNG estaría “vixiante” no cumprimento do acordo, e resumiu o obxecto da moción aprobada por unanimidade: “pasar dos dereitos iguais a vidas e realidade iguais entre mulleres e homes”.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG