Montse Prado: “Logo do Covid19 a Xunta non pode volver á precarizar o persoal sanitario e ás privatizacións”

Montse Prado
Montse Prado

Pide ao goberno galego que non persista no erro de priorizar  os intereses económicos fronte ás necesidades asistencias de todos os galegos e galegas e non prescinda de ningún persoal durante  a emerxencia sanitaria

Reclama máis medios humanos e recursos  que posibilite “o merecido descanso” do persoal sanitario, cando a presión asistencial o permita, e rematar coa precariedade laboral e os recortes

A deputada do BNG, Montse Prado exixe á Xunta  que non persista no erro de primar intereses económicos fronte  ás   necesidades asistenciais de todos os  galegos e galegas e que non cometa o erro de utilizar  a crise da Covid-19 como paréntese e   escusa para despois volver “a casilla de saída” e continuar co “déficit, a precarización, os recortes e as privatizacións”.

Para a deputada do BNG representa unha “irresponsabilidade” precindir de persoal mentres se mantén a emerxencia sanitaria e lembra que no prazo dunha semana, “a Xunta de Galiza tivo que rectificar dúas decisións” que significaban desprotección e precarización de profesionais eventuais,  rompendo o vínculo laboral dos profesionais que enfermaban polo contaxio do coronavirus e coa rescisión  de contratos de profesionais de reforzo.

 Prado recalca que só a “denuncia pública” provocou que a  Xunta  rectificara estas decisións “insensatas e inxustificadas”. A xuízo da deputada, o proceder da Xunta evidencia  “falta de previsión e improvisación” na xestión da crise ademais de  demostrar “unha grande irresponsabilidade” ao  prescindir de profesionais cando  se produce unha pequena baixa asistencial sen ter a seguridade de que se podan producir repuntes na pandemia.

Un mes despois de terse decretado a emerxencia sanitaria e o o estado de alarma,  explica a nacionalista, seguen  detectándose deficiencias que aumentan o risco de contaxio e inseguridade. Segue sendo motivo de preocupación e denuncia que a día de hoxe: O persoal sanitario continúe  sen  material de protección suficiente e axeitado contra o risco de contaxio pola Covid-19, non se realizan test ao todo o persoal, se asinan contratos por días e semanas, faltan protocolos claros nos servizos, por unidades de hospitalización e unidades de COVID-19, a rotación de profesionais é permanente, tanto de contratados como mobilizados a  unidades diferentes ao seu traballo habitual. Por outra parte, Prado tamén destaca o contaxio constante en plantas “non Covid-19” como xa foi denunciado no Hospital de Oza.

Nas rolda de prensa Feixóo gaba aos profesionais pero os feitos desmenten ese recoñecemento

A parlamentaria do BNG afirma que a  primeira lección que nos deixa esta crise é a constatación de que o máis valioso que ten a sanidade pública é o seu persoal, “son  magníficos e magníficas  profesionais que dan diariamente o mellor de si, arriscando  a súa saúde para garantir a saúde da poboación. “Fixóo gaba ao persoal nas roldas de prensa pero as decisións da Xunta desmenten ese recoñecemento”.

Máis recursos e medios para reducir a sobrecarga do persoal sanitario

Ao persoal do Sergas “suspendéronselle os seus dereitos” de conciliación, días libres, e vacacións pola  súa disposición absoluta para atender á pandemia, e resulta necesario “compensar ese esforzo”, recalca Prado. Neste sentido, o BNG propón  manter o persoal contratado para reforzar os cadros de persoal, non só na emerxencia sanitaria, senón mentres se realiza a recuperación da “normalidade asistencial”. O mantemento de persoal e recursos  deben estar presentes na Atención Primaria, nos  ingresos e consultas hospitalarias, na realización de  probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas e minimizar a acumulación das listas de espera co fin de  “permitir o merecido descanso do persoal, na medida que a presión asistencial o posibilite para  rematar coa enorme sobrecarga que levan anos padecendo”.

Ademais, engade a nacionalista deben tomarse de  inmediato medidas para garantir a protección de profesionais e minimizar os contaxios; Realizar test a todo o persoal, coñecer o número de persoal  do SERGAS infectado; protocolos en cada unidade e servizo, baseados na evidencia científica, no risco de contaxio, e non en función da  disposición de material. “Hai que  rematar coa improvisación de material de protección con bolsas de lixo”.

Finalmente, a deputada do BNG reclama  unha política de persoal que elimine a precariedade laboral e ofreza estabilidade aos  profesionais porque “o mellor aplauso e recoñecemento”  é defender  os dereitos do persoal da sanidade con  contratacións estábeis, rematar coa precariedade, repoñer todas as prazas eliminadas coa aplicación da taxa de reposición para conseguir  unha sanidade pública sen recortes e privatizacións.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG