Montse Prado leva ao Parlamento o colapso dos servizos de urxencias na sanidade pública galega

Montse Prado
Montse Prado

Pide que o SERGAS informe das medidas para atender o aumento de doentes nestes servizos, abrir as camas e plantas pechadas e repoñer o persoal eliminado

Ante os colapsos producidos nos últimos días en diversos servizos de urxencias dos hospitais galegos, a deputada por Pontevedra, Montse Prado defendeu hoxe unha proposición non de Lei na Comisión de Sanidade para pedir que, á maior brevidade, sexa remitido ao Parlamento galego un informe do SERGAS sobre as medidas e reforzos postos en marcha para atender o aumento das persoas doentes nos servizos de urxencias.

Ademais, reclamou elaborar un protocolo de actuación ante os brotes ou picos como o da gripe e tomar as medidas necesarias para que as unidades de hospitalización funcionen na súa totalidade e con recursos suficientes. Neste sentido, dixo, “ de maneira inmediata deben abrirse as plantas e camas pechadas nos centros hospitalarios da rede pública galega”.

O PP NA SENDA DOS RECORTES EN SANIDADE

Prado lembrou que a política do Partido popular segue “na senda dos recortes” na sanidade pública polo que esixiu “ampliar as plantillas de profesionais para prestar unha boa calidade asistencial e eliminar a taxa de reposición repoñendo ao persoal eliminado, máis de 2.000, profesionais dende o ano 2010”.

A parlamentaria lembrou que os colapsos en urxencias obrigan aos pacientes a permanecer durante moitas horas, “nalgúns casos en padiolas nos corredores a espera dunha cama”, situación que tamén dificulta o labor dos profesionais.

A deputada botou man de varios  titulares de prensa dos últimos días que denunciaban  a  saturación dos servizos de urxencias e rexeitou o relato do Partido popular empeñado, dixo en convencernos de “que todo está ben e o que acontece é inevitable”. Para a nacionalista, é “lamentable” que un día si e outro tamén, os titulares reflictan unha realidade que o PP quere ocultar. “Urxencias no Cunqueiro con máis de 24 horas  de espera e récord de visitas en pediatría”, durante o sábado pasaron de 105 casos a 2014, circunstancia que achacou á política do Partido popular de eliminación de pediatras en Atención primaria.

Ademais tamén se referiu á denuncia de traballadores e traballadoras do hospital da Coruña tralo colapso no servizo permanente que atribúen aos recortes ao igual que no centro de Montecelo en Pontevedra no que o propio xerente recoñece unha “elevada afluencia de doentes” o que sumou  o colapso no servizo de urxencias do CHOP.

As urxencias, dixo, “soluciónanse durante o verán” e todos e todas podemos entender causas extremas como un incremento nas  enfermidades respiratorias, un accidente múltiple ou unha situación excepcional difícil de prever pero no caso da gripe é totalmente previsible a súa incidencia pero o Partido popular persiste en non tomar   medidas cara un protocolo e con   cadros de persoal dimensionados que impidan os colapsos.

Para a deputada outra das razóns que provocan a chegada dun gran número de doentes aos servizos de urxencias sitúase na Atención primaria. Cando unha persoa chama para concertar unha cita co seu médico, atopase con demoras dunha semana ou quince días o que provoca que acudan ao servizo de urxencias ao igual que   persoas en listas de espera que se atopan mal e precisan atención sanitaria urxente.

Trala intervención do portavoz popular, Núñez Centeno quen afirmou que a situación en Galiza non é moi diferente a outros  territorios, a deputada nacionalista asegurou que o BNG “non se vai resignar” e seguirá demandando calidade asistencial para  todos os galegos e galegas. O PP, recalcou, pode seguir cos “mantras” que queira pero dende o BNG seguiremos  denunciando  que  as persoas que acoden aos servizos de urxencias están padecendo a política de recortes do Partido popular sobre algo tan prezado como é a saúde, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG