Montse Prado: “É lamentábel que o PP non asuma responsabilidades pola morte dunha persoa no PAC da Estrada”

Montse Prado
Montse Prado

Denuncia o desleixo do SERGAS para implantar medidas correctoras contra a precariedade e a  falta de prazas nos Puntos de Atención Continuada

A deputada do BNG, Montse Prado arremeteu hoxe contra o Partido popular cualificando de “lamentábel” a súa negativa a dar explicacións no Parlamento polo falecemento dun paciente o pasado 4 de agosto no PAC da Estrada por falta de atención sanitaria.

A deputada explicou que ese día, no PAC do concello da Estrada, o persoal sanitario atopábase  fora atendendo outra urxencia e esta circunstancia, dixo, provocou que o paciente non puidera ser atendido. A morte de José Manuel,   “fixo saltar todas as alarmas sobre a situación da sanidade” e sobre a política sanitaria do Partido popular.

Por outra parte, lembrou que o “risco 0 nunca  existe” pero resulta evidente que a obriga do SERGAS é “garantir os medios necesarios para reducilo ao mínimo”.

Prado reprochou ao  Partido popular “non ter escoitado as demandas e advertencias  do persoal  dos PACs que levan meses denunciando a situación” ante a falta de profesionais sanitarios.

Tralo suceso acontecido no PAC da Estrada, a  deputada acusou  os  responsábeis do Sergas de falta de “sensibilidade” por non facer ningún intento para trasladar á familia do falecido algunha comunicación ou pésame e que a propia  xerente da EOXI, Eloína Núñez “nin sequera interrompera as súas vacacións”, ao que sumou “a negativa do Conselleiro Almuíña para explicar o  o sucedido  e asumir responsabilidades”.

Prado reclamaba  na  proposición non de lei que os máximos responsábeis da Consellaría de Sanidade e  Sergas dean explicacións urxentes no Parlamento Galego sobre as causas da morte do doente no PAC da Estrada o sábado 4 de agosto e a razón de ter negado o reforzo solicitado polo persoal do PAC, así como solicitar que se atenda, sen máis dilación, as demandas d@s profesionais que prestan os seus servizos nos Puntos de Atención Continuada, PAC, das que é coñecedor o Sergas.

A través  da lectura de dúas cartas remitidas pol@s profesionais dos  PACs para denunciar o deterioro das condicións laborais e asistenciais que se vive nestes centros que atenden as urxencias extra-hospitalarias de Galiza, a deputada do BNG asegurou  que na actualidade “os  recursos materiais e humanos son os mesmos  de hai 10 anos a pesar do aumento das urxencias.  O traballo realizase en servizos mínimos, sobrecarga laboral, falta de substitución das ausencias de profesionais e ausencia de reforzos en fins de semana e datas con previsión de aumento de demanda.

Ante esta situación, dende o BNG, dixo a nacionalista, propoñemos poñer en marcha un proceso de formación adaptado ás necesidades reais de profesionais, demandar do Goberno español o aumento do número de prazas de Residencia MIR, que se ofertan en Galiza, aumentar as prazas na Facultade de medicina, un plano de estabilidade de emprego e convocar a totalidade das prazas vacantes existentes.

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Aurelio Núñez Centeno anunciou o voto en contra á iniciativa nacionalista.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG