Montse Prado lamenta a falta de apoio da Xunta ao Auditorio de Moaña pese a ser un compromiso de Feijóo

Montse Prado
Montse Prado

A deputada do BNG por Pontevedra, Montse Prado lamenta a falta de apoio da Xunta para construír o auditorio de Moaña, a pesar, afirmou,  de ser un compromiso do propio Presidente Feijóo nunha recente reunión coa alcaldesa desta localidade.

A  deputada criticou “a discriminación” dun dos concellos do que lembrou desenvolve unha importante  actividade cultural, social e mesmo deportiva destacando entre os principais eventos, os   Circuítos Teatrais, , Festival Internacional “O Folclore do Mar, o Festival Intercéltico do Morrazo ou  Días de Mar, e que conta ademais con  diversos colectivos sociais que forman e dinamizan a vida social: Escola de Música, Banda de Gaitas, Banda de Música “Airiños do Morrazo”, corais, grupos de teatro, agrupacións musicais, danza, folclore,... Pero tamén, engadiu  no eido deportivo que   goza de eventos da relevancia como a  Gala do Deporte.

Para a deputada resulta necesario que o concello de Moaña conte cun Auditorio Municipal polo que  pregunto  que orzamento vai destinar a Xunta para a súa construción e en que prazos.

Pola súa parte, o secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo limitouse a dicir que no mellor dos casos, a Xunta só contempla a posibilidade de contribuír co equipamento pero sobre a construción rexeitou asumir ningún compromiso.  

A deputada replicou que o presidente da Xunta trasladou o seu compromiso  á  alcaldesa de Moaña de  valorar a participación do goberno  no Auditorio Municipal  sempre que cumprira dúas condicións: remitir  un proxecto actualizado, “redacción na que está a traballar o concello”, e  un plan de usos para garantir a actividade da infraestrutura. A parlamentaria lamentou que a resposta de Anxo Lorenzo confirme a negativa a participar na construción do Auditorio Municipal , mesmo cumprindo coas condicións impostas polo presidente Feijóo.

Prado reiterou que o concello mostrou a súa total colaboración incluso  no suposto de ter que ofertar outros terreos polo que reclamou “vontade política” da Consellería de Cultura para construír o Auditorio Municipal de Moaña. Os veciños e veciñas deste concello teñen “dereito a contar con esta infraestrutura”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG