Montse Prado denuncia no Parlamento as listas de espera para a realización de probas de radiodiagnose

Montse Prado
Montse Prado

No caso concreto do CHUS ascenden a 5.000 persoas en resonancias magnéticas e a 3.000 para a realización de TACs

A portavoz de sanidade, Montse Prado, denunciou no Parlamento as listas de espera nos hospitais públicos nos servizos de radiodiagnose onde os doentes de patoloxías graves, como os oncolóxicos, están sometidos a un longo período de espera ou son derivados á centros privados.

“Hai unha evidente alarma social dos profesionais e dos e das pacientes, que mesmo se teñen manifestado publicamente a través dos medios de comunicación”, indicou a deputada tras sinalar que as listas de espera no caso concreto do Hospital de Santiago son de ata 5.000 persoas para resonancias magnéticas e de 3.000 para a realización de TACs.

“Ante esta situación o que se coñece é a derivación de pacientes á privada, en concreto aos hospitais da Rosaleda e da Esperanza”, salientou, ao que se suma o feito de que a empresa MEDTRONIC acaba de facilitar un equipo para TACs e outro para resonancias no CHUS que, segundo a información facilitada polos profesionais ao BNG, se destinarían unicamente para a área de cardioloxía.

Prado interpelou ao conselleiro de Sanidade por esta limitación “precisamente nunha especialidade que non ten listas de espera” e que, ademais, tal decisión “rompe a equidade entre doentes, de tal xeito que uns parecen que poden ir por unha especie de carreiro rápido e outros polo lento”. “A priorización dos e das doentes debe facerse en función da gravidade que requiran as probas e non pola área de especialidade”, alegou a deputada ante a falta de explicacións do conselleiro.

A nacionalista foi contundente ao argumentar que non poden ser as empresas provedoras do SERGAS “ás que establezan que aparatos se adquiren e con que prioridades de uso”. “En función de que intereses?”, interpelou Prado, quen reclamou do Goberno as medidas necesarias para prestar un servizo de radiodiagnose coa eficacia que requiren a urxencia de moitas das doenzas tratadas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG