Montse Prado: ”Dar luz verde a mina de Touro é poñer en grave risco centos de postos de traballo na Arousa”

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia que os terreos e cursos de auga da mina drenan  cara o río Ulla que arrastrará materiais contaminantes á ría de Arousa o que provocará unha afección moi negativa no sistema produtivo e social da comarca

Montse Prado: ”Dar luz verde a mina de Touro é poñer en grave risco centos de postos de traballo na Arousa”

A deputada do BNG, Montse Prado alertou hoxe dos efectos negativos da Mina de cobre dos concellos de Touro e o Pino sobre a ría de Arousa e advertiu ao PP que se decide dar “luz verde” ao proxecto será “cómplice” da perda de centos de postos de  traballo, directos e indirectos, na comarca de Arousa.  

A través dunha proposición non de lei, a deputada explicou que o obxectivo do  proxecto é seguir explotando os xacementos abandonados no ano 1986 e engadir xacementos colindantes. Trátase dun proxecto, dixo,  de megaminería a ceo aberto que ocupará unha extensión de 679 Hectáreas. Un proxecto,   presentado por unha transnacional  participada por fondos de investimentos e  capital abuitre con un claro interese especulativo, “ sacar moitos beneficios en pouco tempo e furtar impostos”.

A súa ubicación en plena conca do río Ulla, explicou a parlamentaria, ten feito saltar as alarmas na ría de Arousa: polo temor as  consecuencias medioambientais e sobre o  tecido social e  produtivo da ría por mor do proceso utilizado ao usar    compostos químicos cun  nivel de toxicidade alto, irritantes, tóxicos, alerxénicos, canceríxenos... “un material depositado en  enormes balsas, altamente contaminadas e polo tanto con risco de ser contaminantes”.

Ademais,  os terreos e os cursos de auga da mina drenan cara o río Ulla e  a contaminación que xere irá polas augas  abaixo á ría de Arousa. O  río Ulla, manifestou a nacionalista,  é o principal aporte de auga doce á ría xa que desemboca  directamente nos bancos marisqueiros e o  “impacto medioambiental”  no sector produtivo, tanto marisqueiro como da pesca será  “letal” para unha comarca gravemente danada polo desemprego.

A deputada pediu ao goberno “non poñerse  de perfil”. Digan vostedes non a un proxecto que só vai beneficiar a unha empresa “depredadora” e que  contra os intereses das xentes que viven do mar polo que volveu pedir que non se autorice o proxecto de explotación mineiro San Rafael, situado nos concellos de Touro e O Pino nº 2946, polos efectos negativos para o medio ambiente e a incompatibilidade do proxecto coa debida protección das augas da cunca e da desembocadura do Ulla, dos espazos naturais deste sistema fluvial e coa riqueza pesqueira e marisqueira da ría de Arousa e, en concreto coas áreas de produción de moluscos bivalvos.

Finalmente, Prado reclamou proceder á “eliminación dos focos de contaminación de metais pesados da antiga mina, para como mínimo, recalcou, asegurar que esta explotación non compromete a calidade das augas  do río Ulla e da ría de Arousa.