Montse Prado cualifica de "publireportaxe" a comparecencia do titular de Sanidade

A deputada nacionalista acusou a Jesús Almuíña de “buscar un titular” e non abordar na súa comparecencia as deficiencias do novo hospital de Vigo, as listas de espera, o abandono da Atención primaria así como a derivación de pacientes da sanidade pública a centros sanitarios privados

Intervención da deputada do BNG, Montse Prado

Pleno.- En resposta á comparecencia do conselleiro de sanidade para informar da Estratexia SERGAS 2020, a parlamentaria do BNG, Montse Prado acusou a Jesús Almuíña de buscar exclusivamente “un titular”.A nacionalista afirmou, que unha vez máis, o conselleiro negouse a abordar os problemas do novo hospital de Vigo, as listas de espera, o abandono da Saúde mental e Atención primaria ou a derivación de pacientes a centros sanitarios privados, “problemas reais que o PP segue agochando”.

Para a deputada, o conselleiro utiliza o Parlamento galego de maneira “propagandística” para presentar unha “nova plublireportaxe” e poder publicar na páxina do SERGAS que o PP e o seu conselleiro de Sanidade presenta na Cámara galega a Estratexia SERGAS 2015-2020 pero a realidade, dixo, é que detrás dese titular “queda moi pouco”.

O BNG nega o incremento de orzamentos anunciados por sanidade

Montse Prado explicou que tal como presentou o conselleiro a estratexia do SERGAS parece que van a “chover millóns” cando só hai que facer unha simple división para comprobar que 20 mil M€ entre cinco anos arroxa o actual orzamento, polo tanto, recalcou, “é falso que haxa un incremento para a sanidade galega”.

A parlamentaria lamentou “a oportunidade perdida” de Almuíña para abordar a situación real da que dixo, “non nomeou ningún dos problemas que afectan a todos os galegos e galegas”. Neste sentido, acusou ao conselleiro de aludir a plans, estratexias, modernizacións, coidado de profesionais ou atención integral, epígrafes que en opinión da deputada non inciden, de maneira concreta, na mellora da atención sanitaria.

A consellería segue maltratando aos profesionais da sanidade publica galega

A parlamentaria denunciou o “maltrato a profesionais con sobrecarga asistencial infame, con redución de persoal indecente e con contratos por horas e días” polo que preguntou como vai a consellería a coidar a est@s profesionais.

Montse Prado

 Prado recalcou que a estratexia presentada hoxe non vai encamiñada a mellorar a calidade sanitaria. Os auténticos problemas sanitarios, afirmou, están “nos colapsos de urxencias, na atención primaria, nos tempos de resposta das ambulancias, nas avultadas listas de espera, na redución do horario dos helicópteros, no novo hospital de Vigo no que a sanidade pública prégase á sanidade privada, da paralización de quirófanos ou na atención á Saúde mental”.

A parlamentaria concluíu a súa intervención pedindo ao conselleiro de sanidade “valentía” para abordar os problemas reais da sanidade pública galega e non “seguir agochando” a precariedade e o deterioro provocados polos continuos recortes do Partido popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG