Montse Prado critica o veto do PP para modificar a lei de portos en beneficio dos concellos e da veciñanza

Montse Prado
Montse Prado

Propoñía suprimir as taxas abusivas, ceder aos municipios os terreos sen uso portuario e crear un órgano de colaboración concellos-portos

A portavoz de Pesca Montse Prado criticou o veto do  PP á proposta do BNG de modificar a Lei de Portos en beneficio dos concellos e da veciñanza, con tres cuestións concretas: Supresión das taxas abusivas que Portos de Galiza cobra por usar terreos que xa non teñen uso portuario, cesión deses terreos aos concellos e creación dun órgano de colaboración entre municipios e portos.

“A Lei de Portos non respondeu ás expectativas, foi unha oportunidade perdida, unha lei privatizadora dunha actividade económica e produtiva estratéxica na que o obxectivo non foi o beneficio público senón o negocio e o lucro en lugar da colaboración entre administracións. Foi elaborada de costas ao sector, á veciñanza e aos concellos que albergan estas infraestruturas”, denunciou Prado.

“O obxectivo foi recadatorio e mercantilista, facer caixa a costa dos concellos”, recalcou, impoñendo “a discrecionalidade e a falta de diálogo”.

Galiza conta con “122 estruturas portuarias cos seus espazos colindantes onde se aplican taxas abusivas pola utilización destes espazos públicos que teñen unha intensa actividade cidadán”, explicou Prado,  espazos integrados na trama urbana no que son os concellos os que se responsabilizan do mantemento e da recollida do lixo e que, por lóxica, deberían ser espazos de titularidade municipal.

Por contra, os municipios e entidades sen ánimo de lucro, -como asociacións veciñais ou comisións de festas-, son obrigadas a pagar unhas taxas abusivas a Portos de Galiza polo uso de eses espazos urbanos e sen uso portuario.

A modo de exemplo, Prado citou os 100.000 € anuais de Cambados para celebrar o mercadillo semanal e outras actividades; Sanxenxo, 6.000 euros; O Grove, 15.000 euros pola festividade do  Carme; Rianxo, 6.800 euros pola festividade de Guadalupe, Cangas, 10.000 euros pola celebración das festas do Carme entre outros.

“Por iso o BNG presenta unha modificación da Lei de portos en relación ás taxas que Portos de Galiza aplica a concellos e a entidades sen ánimo de lucro, espazos que son de titularidade de Portos pero que están totalmente integrados na trama urbana e onde se realizan a maioría da actividade lúdicas e deportivas dos concellos. Deben pasar a titularidade municipal”, recalcou Prado.

O Bloque tamén solicitaba deixar sen efecto a parte do réxime sancionador relativa á práctica do baño e da pesca deportiva.

“Moitos dos concellos situados a beira do mar experimentaron cambios na liña de costa, e moitos dos terreos ganados ao mar deixaron de ter usos marítimos para integrarse na dinámica municipal pero seguen baixo xurisdición de Portos de Galiza”, criticou, algo que tamén afecta ao sector da hostalería onde segundo o local este a un lado ou a outro da rúa paga até cinco veces máis por unha terraza, segundo dependa de Portos ou do Concello.

“Nunha relación normal esta situación tería que estar resolta, e existe un malestar nos concellos de todas as cores políticas, por iso é de xustiza que o PP tomase en consideración a proposición non de lei que presenta o Bloque para corrixir esta situación”, concluíu, criticando a aplicación do rodillo popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG