Montse Prado critica o desleixo da Xunta ante a falta de persoal sanitario no centro de saúde de Cuntis

MONTSEPRADO PARLAMENTO2
Montse Prado

Reclama máis dotación de médicos e lamenta que o PP non atenda as demandas dunha veciñanza “farta” do deterioro da atención sanitaria

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, criticou o “desleixo” da Xunta ante a falta de persoal sanitario do centro de saúde de Cuntis que fai ouvidos xordos a reclamación unánime da coorporación local e da veciñanza que demanda que se cumpran as baixas de facultativos, nun concello cun alto porcentaxe de poboación maior de 65 anos.

“Axendas pechadas, listas de espera en atención primaria e todo pola non substitución de persoal sanitario e polos continuos recortes de orzamentos en sanidade do PP, -2.000 M€ en primaria desde 2009-, porque non cobren as baixas, teñen os cupos saturados, nun país cunha poboación envellecida e dispersa, cun número elevado de doentes crónicos que non poden atenderse en dous minutiños por doente”, describiu Prado na Comisión parlamentaria de Sanidade.

Os recortes do PP, recalcou, “teñen consecuencia reais en persoas reais, en veciños e veciñas reais, nun concello como Cuntis que ten un gran número de residentes maior de 65 anos e soportan un problema de deficiente atención no seu centro de saúde que a Xunta se nega a solucionar, pese a petición unánime da coorporación municipal”, recalcou.

“O cadro de persoal é insuficiente e complícase cando os facultativos teñen que desprazarse aos domicilios, o que que provoca a desatención do centro, e todo fronte ao desleixo da Xunta e do PP para buscar unha solución. Xa sei que táctica do PP  é que se asuma como normal as esperas, os déficits de persoal, que os cupos estean saturados ou que haxa listas de espera”, denunciou a deputada.

Prado lamentou que “desde o Goberno e desde o PP non atendan as demandas duns veciños e dunhas veciñas que están fartas, fartas de que vostedes non atendan un ben tan necesario como é a sanidade o estean destruíndo pouco a pouco e lamentamos que sigan coa estratexia de minusvalorar a atención primaria con recortes continuos, e coa súa estratexia de negar a realidade”.

Para o Bloque, “as queixas están máis que xustificadas porque a xente non se queixa por deporte, sobre todo cando admiten desde a Xunta que non se cobren as baixas, non escoiten as demandas dos veciños e das veciñas de Cuntis que están cansas de recibir unha atención sanitaria deficiente, son expertos en botar balóns fora e lamento que non sexan sensibles as demandas da veciñanza deste concello”, concluíu, tras avanzar que este domingo haberá un seguimento masivo da manifestación convocada en Santiago pola Plataforma SOS Sanidade Pública.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG