Montse Prado: “O centro de saúde de Cambados é un exemplo de como o PP deteriora a atención primaria”

Montse Prado
Montse Prado

Denuncia que no verán atenderá a máis poboación cunha media de oito profesionais menos cada mes reducindo a calidade dun servizo básico

Coincidindo cunha nova xornada de folga e mobilización do persoal de atención primaria, a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, denunciou a situación de centro de saúde de Cambados, que nos meses de verán reduce tanto o horario de atención como o persoal sanitario precisamente no período estival no que aumenta a poboación. A deputada nacionalista ve neste centro de saúde un claro exemplo do deterioro da atención primaria pola política de recortes do PP.

“Están empuxando a atención primaria, e a atención sanitaria en xeral, cara ao precipicio e o centro de saúde de cambados é un exemplo. Péchano pola tarde no verán provoca unha sobrecarga asistencial neste servizo básico precisamente cando a poboación aumenta no período estival, porque estamos no Salnés que en época estival ten unha ampla oferta de ocio e lecer que atrae a moitas persoas”, argumentou Prado na comisión de sanidade.

“Pasan as consultas da tarde para horario de mañá e o SERGAS pretende que toda a veciñanza e todos as persoas desprazados sexan atendidos por unha media de 8 a 9 profesionais menos cada mes do verán, porque quedan sen substitución dous facultativos, dous profesionais de enfermería, dos servizos xerais e tampouco se substitúe á matrona. Farán o que podan, pero é evidente que non é posible dar unha atención sanitaria de calidade con menos profesionais a máis poboación”, resaltou Prado.

“O Centro de saúde de Cambados é un caso práctico que exemplifica as consecuencias das políticas sanitarias do PP”, reiterou Prado, pois desde  o luns 17 de xuño até o 30 de setembro o SERGAS pecha o centro pola tarde, repetindo o que xa fixeron veráns pasados, no Nadal ou en Semana Santa, diminuíndo os servizos sanitarios aos veciños e veciñas de Cambados e a todas as persoas que elixen este concellos para pasar o seu tempo estival.

“A política do PP de non substitución do persoal, nin nos seus permisos, nin vacacións está a ter como consecuencia a redución de servizos e unha sobrecarga asistencial brutal que se traduce no feito de que conseguir cita pode levar ata dez días”, denunciou a deputada. Ademais, como consecuencia destes recortes de horarios e de persoal tamén haberá unha sobrecarga do PAC que só ten un equipo completo,  explicou, ao tempo que tamén denunciou a falta de persoal no servizo de pediatría.

Pese a que a atención primaria é a porta de entrada ao sistema público de saúde, “faltan medios, falta capacidade resolutiva e falta persoal”. O Goberno de Feixóo debería dar unha resposta acaída para resolver esta situación pero, por contra, “persisten nun modelo fracasado que está a converter a atención primaria nun proceso que consiste en despachar doentes”, denunciou.

Prado concluíu a súa defensa da proposición non de lei reclamando para o centro de saúde de Cambados “que se substitúa o persoal tanto nas súas licenzas como vacacións, permisos e baixas, que se garanta a prestación dunha atención pediátrica de calidade aos nenos e as nenas que teñen este centro como referencia cubrindo a praza de pediatría, que só está atendida a tempo parcial con prolongación de xornada por un profesional de medicina de familia”. A proposición non de lei non prosperou polos votos en contra do PP.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG