Montse Prado afirma que é decepcionante que o goberno de Pedro Sánchez manteña a contrarreforma laboral

Montse Prado
Montse Prado

A portavoz parlamentaria de Emprego, Montse Prado, criticou o anuncio da ministra de Traballo, Magdalena Valerio, de non derrogar as contrarreformas laborais aprobadas tanto polo PP como PSOE, de tal xeito que o novo executivo de Pedro Sánchez opta polo “continuísmo” nunhas políticas especialmente lesivas para a clase traballadora.

“O cambio de Goberno ten que levar aparellado un cambio das políticas, doutro xeito a moción de censura, que xerou expectativas en moitas persoas, será unha fraude”, salientou Prado, “o Executivo debe facilitar que ese debate chegue ao Congreso e poñer enriba da mesa un calendario para derrogar unhas reformas que saquearon e rouban á clase traballadora”.

A deputada nacionalista subliña que non será posible recuperar dereitos laborais, salariais e de negociación colectiva, entre outros, con normativa en vigor. “Non valen escusas, porque da mesma maneira que houbo unha concertación de forzas políticas para desaloxar ao PP do Goberno do Estado, ten que darse coa mesma urxencia unha correlación de apoios que faga posíbel a recuperación dos dereitos recortados”.

O BNG considera que as decisións políticas adoptadas desde o inicio da crise supuxeron un roubo á maioría social do pobo galego e, a día de hoxe, pese á suposta recuperación da que presumía o PP, as desigualdades non deixan de medrar, o que se traduce nunha concentración cada vez maior da riqueza fronte ao emprobrecemento xeral.

En Galiza, ademais, co agravante de que os salarios son os segundos máis baixos de todo o Estado, ao igual que as  pensións, ao que se suma a sangría da emigración que sacou fora do país a 100.000 mozos e mozas afondando no problema do envellecemento e da despoboación.

“Hai máis precariedade aumentar e ó único colectivo que medra é o das persoas que percibiron menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional”, denuncia Prado, de tal xeito que onde máis subiu o emprego foi nas ramas de actividade de menores ingresos, conclúe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG