O Ministerio de Sanidade autoriza que empresas adquiran e fagan test mentres non se lle garanten ao persoal sanitario

Néstor Rego
Néstor Rego

O deputado Néstor Rego no Congreso defende que, en canto non se poidan garantir para toda a poboación e para alén das persoas con sintomatoloxía, a prioridade debe ser o persoal dos sistemas de saúde, asistencial e de residencias.

O BNG defende que deben ser as autoridades sanitarias as que adquiran, distribuían e realicen estas probas e non deixalo en mans de compañías privadas.

Rego salienta que o propio goberno dá un mal exemplo contratando a unha empresa privada a realización de test para o persoal do SEPE.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego, criticou o Ministerio de Sanidade por autorizar a adquisición e práctica de test por parte de empresas privada mentres a sanidade pública continúa sen garantir de forma suficiente a dispoñibilidade de test para os sectores de poboación con maior risco de contaxio. Rego reprobou a situación en que se encontran millares de persoas do sector sanitario que continúan sen acceso aos test de detección salvo que teñan síntomas de contaxio. O BNG leva solicitando dende o primeiro momento desta crise sanitaria que se realicen probas a toda a poboación de forma masiva, así como a equipación de forma adecuada a todo o persoal sanitario que está a traballar en hospitais e residencias. Mais, en canto isto non sexa posíbel, hai que garantir as prioridades en función de criterios sanitarios públicos e non dependendo de quen poida pagar os test ou non.

Os nacionalistas denuncian que se lle permita a empresas como Naturgy a adquisición e realización de test de forma masiva aos seus traballadores e traballadoras, así como á súa contorna familiar, sen sintomatoloxía previa. Naturgy conta cuns 6.000 empregados, polo cal as probas -segundo algunhas fontes- poderían superar as 16.000. Néstor Rego salientou que tamén o propio Goberno español está a dar un mal exemplo, pois o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) recorreu a unha empresa privada para a realización de probas ao seu persoal. Segundo o recollido no BOE, a pasada semana foi adxudicado para isto un contrato de 125.000 euros á compañía Quirón Prevención. Máis unha vez, unha empresa privada pode dispor de test aos que non accede o conxunto da poboación e nin sequera o persoal con máis riso de contaxio. O deputado nacionalista subliño que “de ningunha maneira cuestionamos a preocupación pola saúde dos traballadores e traballadoras do SEPE que, ademais, están a realizar un traballo imprescindíbel para que moitas persoas poidan percibir a súa prestación” mais salientou que “o Ministerio está a dar un mal exemplo ao priorizar a realización destas probas a través dun servizo privado e non público”.

O BNG defende que deben ser as propias autoridades sanitarias as que adquiran e distribuían estas probas e estabelezan con claridade os protocolos de realización. O obxectivo debe ser que todas as persoas poidan realizalas canto antes, mais entre tanto non haxa suficiente dispoñibilidade para isto, a prioridade debe ser as persoas que traballan en sectores que, ademais, se atopan nunha posición de maior vulnerabilidade fronte ao contaxio.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG