Mini: “Urxe á Xunta evitar o desastre dos falsos positivos de vacas sacrificadas por tuberculose”

Xosé Luís Rivas %22Mini%22

Dos 1.287 falsos positivos de vacas sacrificadas, só 39 tiñan tuberculose

Reclama axudas a prezo de mercado para compensar aos gandeiros afectados

O portavoz de Agricultura Xosé Luís Rivas denunciou no Parlamento a enorme discrepancia entre as reses sacrificadas por tuberculose e as que finalmente dan positivo por este mal, en concreto, 1.287 vacas sacrificadas e só 39 foron confirmadas como portadoras da doenza.

“Por que se maltrata así aos gandeiros galegos, como é posible que haxa un nivel de falsos positivos tan disparado cando non ocorre así noutros territorios onde se moven en porcentaxes do 60% ou máis de coincidencia entre as reses sacrificadas e as que realmente estaban contaminadas?”, interpelaba o deputado nacionalista.

Rivas reclama do Goberno da Xunta medidas para compensar, “a prezos de mercado”, aos gandeiros polos animais sacrificados e polo lucro cesante, e adoptar de inmediato as medidas necesarias para evitar este resultado “desastroso” de falsos positivos, mudando os protocolos e o método para facer a proba, establecendo contra análises previas ao sacrificio.

Na Comisión de Agricultura o Bloque tamén reclamou información sobre o seguimento que está facendo o Executivo da pataca contaminada pola couza guatemalteca, tendo en conta ademais o compromiso adquirido “e incumprido” no Parlamento.

“Chegamos a un acordo nesta comisión de Agricultura de que ía crearse unha comisión de seguimento da pataca afectada pola couza e non sabemos nada de nada, se progresa ou non, e estamos ante un problema serio e grave”, alegou Rivas, quen pediu “que se deixe de burlar” ao Parlamento “e nos remitan dunha vez o que se acordou”.

“Apareceron bolsas con patacas infestadas en contedores, e mesmo se ofertaron para facer compós, ofrecemento que foi rexeitado, por iso pedimos que se informe á Cámara do seguimento que está facendo a Xunta do control desta praga”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG