Mini traslada ao Parlamento a situación da empresa EMESA e pide á Xunta que se implique nunha solución

Mini Rivas
Mini Rivas
Lembra que os novos propietarios recibiron cuantiosas axudas públicas tras unha operación que considera “un pelotazo de libro”
Mini traslada ao Parlamento a situación da empresa EMESA e pide á Xunta que se implique nunha solución

O BNG, a través do deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, trasladou ao Parlamento a situación de EMESA para reclamar ao Goberno da Xunta que tome cartas no asunto para salvagardar os dereitos dos e das traballadoras nunha empresa que nos últimos anos ten recibido catro millóns de euros en axudas públicas, tras ser vendida ao grupo Soil Recorvery, cuxa forma de actuar é moi similar aos dun fondo voitre.

Rivas explicou que EMESA, afincada en Coirós, é un novo exemplo de empresa con solvencia nos seus traballos, con  carteira de pedidos e con traballadores e traballadoras con alta especialización, que ten no seu historial obras de gran envergadura como a Ponte de Rande, a Torre Picaso ou a estación intermodal de Liexa.

Segundo relatou o deputado, a empresa foi pasando por diferente propietarios chegando a ter 300 efectivos, “até que despois de soportar o embate da crise e da reconversión quedou reducida a 70 empregos persoas tras ser vendida fai catro anos ao grupo Soil Recorvery”.

Os novos propietarios “prometeron o ouro e o mouro coo que ía dar traballo a 200 persoas despois de comprar por 15 M€, cinco ao contado e o resto a dez anos, usando ademais un truco moi chusco: os anteriores propietarios de EMESA piden un crédito de cinco millóns de euros a un banco e préstanllos a quen os vai comprar Soil Recorvery que paga o primeiro prazo de compra con ese préstamo”, explicou Rivas.

De feito, -denunciou-, “esta práctica foi bautizada polo administrador concursal como compra apalancada, co diñeiro da antiga EMESA, cos traballadores sen cobrar, fixéronse préstamos a outras empresas do grupo”.

Pese a falta de transparencia na xestión Soil Recorvery recibiu do IGAPE 500.000 € que se suman as subvención doutras entidades públicas até acadar catro millóns de euros, “supostamente para mellorar a factoría, melloras e inversións que nunca foron feitas”, denunciou o deputado, que cualificou toda a operación como “un pelotazo de libro”.

Rivas lamentou o “desprezo” amosado cos traballadores e traballadoras así como cos seus representantes ao amparo das contrarreformas laborais do PP, e iso pese a que se acumulan as sentenzas favorables ao persoal, indicou, tras denunciar “a sospeita de que o grupo Soil Recorvery que debe xa 18 M€ vai esnaquizar a empresa para sacarlle o máximo beneficio na operación, despois de que en tan só catro anos facturase máis de 30 M€, deixara débedas con provedores e recibise catro millóns de euros en axudas públicas”, concluíu.