Parlamento Galego

Mini Rivas reclama no Parlamento que a Xunta manteña as solicitudes presenciais para os aproveitamentos madeireiros

Mini Rivas
Mini Rivas
O deputado do BNG demanda que as oficinas agrarias presten apoio na tramitación electrónica ou a realicen no caso de persoas con dificultades

O BNG reclamou esta mañá no Parlamento galego que a Xunta manteña a posibilidade de tramitar presencialmente as solicitudes para os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza e de pastos, micolóxicos e de resinas en montes privados, dado que o novo decreto que regula estes aproveitamentos obriga a realizar as solicitudes de autorización, declaracións responsables e comunicacións por medios electrónicos.

O portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, afeou ao Goberno galego que non teña en conta os condicionantes propios do sector forestal e do medio rural, con moitos concellos nos que máis do 50% da súa poboación está por riba dos 65 anos e cun déficit serio de acceso a Internet. Así pois, segundo explicou Rivas, a obrigatoriedade de formalizar as solicitudes por medios electrónicos pon trabas innecesarias a unha actividade económica “cento por cento rural” e ao seu xuízo resulta “a todas luces unha medida innecesaria e totalmente desconectada da realidade social do sector forestal e de Galiza enteira”.

O deputado nacionalista lembrou nunha pregunta formulada ante a Comisión de Agricultura da Cámara que no ano 2019 o 40% das solicitudes de cortas foron presentadas en formato papel e das formalizadas a través de medios electrónicos, máis do 75% foron tramitadas a través dos servizos de extensión forestal, polo que concluíu que “un decreto que obvie esta realidade debe ser reformado para facilitar un aproveitamento óptimo e adaptado aos nosos montes e aos nosos pobos”.

Neste sentido, Rivas tamén apuntou que as Oficinas Agrarias Comarcais (OAC), que contan con persoal administrativo de apoio, poden facilitar o acceso a estes trámites ou mesmo realizalos no caso de persoas con dificultades nas competencias dixitais. Para o portavoz de Agricultura, “o labor e os servizos de extensión forestal non deberan reducirse, máis ben ampliarse” e criticou o que considerou un baleirado de contido das OAC. “Deixen de desmantelar as oficinas agrarias”, reclamou para rematar a súa intervención.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG