Mini Rivas pide no Parlamento prohibir o uso de herbicidas derivados do glifosato na limpeza das cunetas

Estrada da Xunta

Demanda que o mantemento das beirarrúas se faga por medios mecánicos con traballadores porque evita contaminar e crea emprego

O portavoz parlamentario de Agricultura Xosé Luís Rivas defendeu no Parlamento a prohibición da utilización de herbicidas derivados do glifosato como mecanismo de limpeza da vexetación das cunetas, polos seus efectos contaminantes e prexudiciais para a saúde, porque a seca que produce converte os restos vexetais en material inflamable e mesmo por razóns estéticas.

Rivas salientou que este produto xa está prohibido en varios países da Unión Europea pola súa toxicidade, e demandou do Goberno da Xunta que adopte as medidas necesarias para evitar o uso dos herbicidas a base de glifosato no tratamento das cunetas da rede viaria, tanto as que son responsabilidade propia como as que depende do Estado, e que esa prohibición afecte tanto cando a limpeza das beirarrúas se realiza por medios propios como cando se fai a través dunha subcontratación.

Neste sentido, tamén pide ao Executivo galego que se dirixa á FEGAMP para solicitar a concellos e deputacións que exclúan o uso deste tipo de herbicidas para a erradicación das herbas e arbustos. E, ao mesmo tempo, que leve a cabo unha campaña de información e de sensibilización dirixida a colectivos e entidades sociais e veciñais, para que tamén no ámbito doméstico se evite o uso de derivados do glifosato.

Ademais, o deputado nacionalista argumentou no debate na Comisión de Agricultura e Medio Ambiente facendo referencia os problemas ambientais aos que da lugar o uso destes herbicidas, pois o secado da vexetación das cunetas as converte nun perigo en caso de incendios, ademais de que auga de choiva arrastra eses produtos contaminantes tanto ao subsolo como aos ríos e regatos, afectando a flora e a fauna.

Rivas puxo como alternativa que as cunetas se limpen como se fixo sempre, con traballadores e traballadoras utilizando medios mecánicos. Non só acabaría coa toxicidade deriva do uso deste composto químico senón que ademais suporía a creación de emprego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG