Galegas 2020

Mini Rivas pide “unha grande mobilización” o 12 de xullo para facer posible o cambio político en Galiza liderado polo BNG

Acto Arteixo
Acto Arteixo

O candidato do BNG por Coruña, Xosé Luís Rivas afirma que o Partido popular de Feixóo conduciu a Galiza á “irrelevancia política”, ao desmantelamento industrial e o deterioro dos servizos públicos

Ana Miranda: “O Bloque, con Ana Pontón á fronte, é a mellor opción para Galiza e para achegar solucións aos problemas da cidadanía”.

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas pide en Arteixo “unha grande mobilización” o 12 de xullo para facer posible “un cambio real en Galiza liderado polo BNG”. Rivas afirma que o Partido popular conduciu ao noso país  “á irrelevancia política” e nestas eleccións temos a oportunidade de mudar o goberno para volver a “acreditar nas nosas potencialidades, defender os nosos sistemas produtivos e restituír os servizos públicos”.

Acompañado pola portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, o candidato nacionalista reiterou a necesidade de “iniciar este cambio” para dotar o medio rural dos servizos que precisa, porque “non hai cidadanía de segunda”. É necesario contar cun goberno “con peso” nos foros nos que se toman as decisións do noso futuro, e ese goberno debe estar liderado polo BNG e presidido por unha muller que encarna as conviccións do nacionalismo e o feminismo, Ana Pontón.

Na súa intervención, Rivas trasladou o apoio do BNG  a todas as familias das vítimas da Covid-19 e afirmou que a actual situación económica e social non é exclusivamente  produto do virús. Dende hai 11 anos, explicou, as políticas do PP resultaron “un fracaso” e día a día vemos como empresas rendibles teñen que pechar, os autónomos non contan con axudas e o medio rural continua agardando por políticas de impulso social e económico.

 Non é fácil vivir nun rural de tanto contraste, abondou. Non é serio manter este País fraccionado en parcelas tantas veces antagónicas. “Porque nos nosos sectores primarios conviven as explotacións gandeiras da máis avanzada tecnoloxía de Europa coas paisaxes de abandono máis temerario”. Coexisten os cultivos de horta máis avanzados e rendibles coa horta do autoconsumo e o abandono. A política de montes en xeral e  a forestal en particular, “non pode ser monopolizada  polos intereses de Ence e o taboleiro”, aseverou.

O candidato avogou polo impulso da horta, a planta ornamental e a flor  cortada tras os envites, dixo, da incompetencia dos gobernantes. Esa horta que non entra na PAC porque Galiza non contou a pesar de surtir a Gadisa e as cadeas comerciais con cebolas, allos e patacas de alta calidade.

Rivas tamén se referiu a actual situación de empresas como Alcoa, Noa Madera, Isowat, Navantia ou Endesa, con consecuencias económicas  para toda Galiza porque, remarcou “non son casos illados”. O noso tecido industrial, dixo, non pode seguir recibindo “ataques e agresións”. Alguén terá que explicar porqué ás empresas que tiraron grandes beneficios no noso país e recibiron cuantiosas subvencións non se lles exixe un Plan de mantemento e recuperación industrial das zonas abandonadas.

Para cambiar o rumbo, dixo o candidato é necesario “votar nacionalismo, votar BNG”, unha forza que conxuga as políticas sociais cos cambios estruturais que o País necesita, a defensa dos sectores produtivos coa afirmación da nosa identidade, o  desenvolvemento económico e o respecto ao Medio Ambiente.“Ana Pontón é a muller que ofrece esa garantía de traballo honesto, amabilidade e firmeza para presidir un goberno galego que lle dea a Galicia o empuxe que esta merece”.

Ana  Miranda: “O 12X podemos escribir unha nova páxina na historia de Galiza cunha muller nacionalista, feminista  e de esquerdas na presidencia da Xunta”

Pola súa parte, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, tras salientar que a mellor homenaxe ás vítimas da COVID19 é “unha sanidade pública de primeira fronte ao negocio da atención ás persoas maiores” e  fixo fincapé en que as profesións que estiveron na primeira liña durante os meses da pandemia son as integradas maioritariamente por mulleres en situación de precariedade,  limpadoras, caixeiras e persoal sanitario.

Miranda destacou que fronte aos diferentes erros de xestión da pandemia cometidos polo goberno central, froito do seu centralismo esaxerado, e por Feijóo, polo seu oportunismo descarado, o BNG preséntase ás eleccións como “a única forza política con Galiza na súa cabeza e no seu corazón”. Neste sentido salientou  que “o Bloque, con Ana Pontón á fronte, é a mellor opción para Galiza e para dar solucións e alternativas  aos problemas da cidadanía”.

“O BNG está preparado para achegar solucións aos problemas do porto exterior en Punta Langosteira, para que sexa de verdade un motor do desenvolvemento económico e industrial na comarca, pero tamén aos problemas de medio ambiente que existen nunha fermosa praia como a de Barrañán”, apuntou a portavoz do BNG en Europa, e reiterou  que “o 12 xullo podemos escribir unha nova páxina na historia de Galiza cunha muller nacionalista e de esquerdas na presidencia da Xunta”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG