Mini Rivas critica a pasividade da Xunta ante o transvase de augas contaminadas dunha bacía a outra na mina de Touro

Afirma que o bombeo de augas contaminadas dunha bacía a outra sen tratar representa un grave risco para a saúde, os ríos e mananciais  

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas formulou hoxe unha pregunta parlamentaria ao goberno sobre as medidas a tomar ante o bombeo dunhas augas “fortemente contaminadas” dunha bacía a outra sen depuración previa. Para o nacionalista, a “inacción do goberno resulta gravísima ante un problema que representa un risco para a saúde e o medioambiente”.

Trala resposta da directora  Xeral de Augas de Galiza, o deputado lamentou que o Goberno galego permaneza “pasivo” ante o proxecto de transvasar “ as augas  contaminadas  da parte da mina de Touro para o seu almacenamento na lagoa de Vieiro.” Unha balsa, explicou,  con capacidade para albergar augas por un período de 6,8 meses.

O deputado asegurou que tras a resposta da responsable de Augas de Galiza, todo indica que non se vai tomar “ningunha medida correctora” da hiperacidez destas augas nin cal será o seu destino unha vez almacenadas nesta corta nin tampouco que medidas se tomarán sobre os tres ríos afectados  unha vez transcorridos eses 6,8 meses.

Rivas preguntou que despois do transvase das augas dos regatos Portapego, Felisa e balsa de Angumil na zona Leste da mina á corta de Vieiro, na zona Oeste para o seu posterior tratamento, que garantías temos ante “unha contaminación brutal” porque  existen  centos de metros cúbicos de materiais descoñecidos na corta de Vieiro derivado da actividade mineira.

Hoxe, insistiu o deputado do BNG, precisabamos unha valoración do goberno pero sobre todo “unha resposta” e atopámonos cunha responsable de Augas de Galiza que só responde parcialmente ás cuestións formuladas. Dende o BNG, reiterou, queremos saber que vai facer o goberno ante “un problema crucial”, porque si a actividade mineira se reinicia a corte de Vieiro será a primeira en ser escavada pola súa riqueza en cobre.

Rivas acusou ao goberno de “ir detrás dos acontecementos” cando a súa obriga, dixo, é prever os posibles problemas  con consecuencias para a poboación e sobre todo cando eses problemas inciden na “saúde da xente, dos nosos ríos e mananciais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG