GALEGAS 2020

Mini Rivas comprométese en Teo a impulsar desde o goberno da Xunta medidas contra os vertidos contaminantes

Acto Teo
Acto Teo
Avanza que un goberno do BNG na xunta exixirá a modificación da normativa estatal que permite converter as canteiras en vertedoiros como o de Casalonga

Reafirma a defensa da veciñanza fronte aos intereses do sector dos residuos como ten denunciado  o concelleiro do  BNG no concello de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz e o deputado, Luís Bará no Parlamento galego

Mini Rivas comprométese en Teo a impulsar desde o goberno da Xunta medidas contra os vertidos contaminantes

Nun mitin no concello de Teo, o candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas pediu unha grande mobilización o vindeiro 12 de xullo para que se produza en Galiza o  “cambio político liderado polo BNG”.

Neste sentido, afirmou que un goberno do BNG na Xunta implementará medidas contra os vertidos contaminantes e exixirá a “modificación da normativa estatal que permite converter ás canteiras en vertedoiros” como acontece coa canteira de Casalonga. Mini lembrou que dende o principio, o BNG mantívose firme na súa defensa da veciñanza “fronte aos intereses do sector dos residuos” con iniciativas dende o concello de Teo na voz do portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz e no Parlamento galego a través do deputado e cabeza de lista  pola provincia de Pontevedra, Luís Bará.

Desde o goberno do BNG na Xunta, dixo, imos exixir “modificar a normativa estatal” para impedir disfrazar unha canteira de vertedoiro como deposito de  todo tipo de residuos e refugallos sin controlar e para  beneficiar a empresas do  sector de residuos.

Tras reafirmar o traballo político do BNG en Teo e no Parlamento contra o vertedorio de Casalonga,  Xosé Luís Rivas  asegurou que xunto a sanidade pública e universal, o  ensino público, a atención digna para ás  persoas maiores e a infancia e a defensa do noso monte e tecido económico,  “o medio ambiente será unha prioridade para o goberno do BNG” e poremos  en marcha medidas que impidan os vertidos contaminantes que afectan a  diferentes zonas do noso territorio, aos seus  ríos e rías e provocan  a mesma da capacidade extractiva do marisqueo e un grave risco para a saúde  polo consumo de auga.

Rivas destacou en Teo que  foi o  BNG o que  acadou un acordo no Parlamento galego para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a ponte medieval de Pontevea e desbloquear a  concentración parcelaria.

Feixóo debe comparecer e explicar o rebrote da Covid-19 na  Mariña

Na súa intervención, o candidato nacionalista trasladou o seu apoio e solidariedade aos veciños e veciñas da Mariña de Lugo afectados polo rebrote da Covid-19 e preguntou porqué agora que Feixóo ten competencias en Sanidade e non pode agocharse detrás do goberno de Sánchez non comparece para dar explicacións e presentar o protocolo que lle exixe o BNG e as persoas afectadas? Durante a pandemia, engadiu Mini, tivemos que soportar “homilías diarias de Feixóo emitidas pola TVG” que máis que comparecencias eran “mitins encubertos” e agora que non pode agocharse detrás do Goberno de Sánchez “non comparece para explicar a difícil situación na Mariña”.  Feixóo, afirmou o candidato do BNG reacciona con “improvisación” e minimizando un problema que xa  suma máis de cen casos activos e un gran número de persoas afectadas  polo que pediu “suspender as eleccións na Mariña até que se dean todas as  garantías sanitarias”. O primeiro sempre, reiterou, o candidato do BNG, “debe ser a saúde ante calquera interese electoral”.

No acto celebrado en Teo tamén participaron, o membro da candidatura pola provincia da Coruña, Suso Seixo, a activista polos Dereitos e Liberdades Civís, Elvira Souto e o portavoz municipal do BNG, Miguel Anxo Fernández Baz.

 

Mini Rivas comprométese en Teo a impulsar desde o goberno da Xunta medidas contra os vertidos contaminantes