Mini: “O PP bordea o incumprimento da lei de protección dos solos rústicos no concello de Curtis”

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

Defendeu paralizar a reforma municipal para  converter o solo Rústico de Especial Protección Agropecuaria e o de Protección Forestal en “Solo Rústico de Protección Ordinaria”

O portavoz de agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu hoxe, en comisión parlamentaria, tomar medidas para que a figura do Solo Rústico de Especial Atención Agropecuarias non sexa eliminada para seren destinada a superficie forestal a través da modificación do PXOM no concello de Curtis. Para o deputado do BNG, a votación en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista  supón, “bordear o incumprimento da lei de protección de solos rústicos”.

Xosé Luís Rivas aludiu a reforma no concello de Curtis  que busca excluír a especial  protección agropecuaria  do solo rústico e grande parte de protección forestal para convertelos en  solo rústico de  protección ordinaria. Para o deputado, a reforma abre a porta, “de maneira encuberta á forestación” e ningún alcalde acomete tal medida sen o amparo dos máximos responsables do Partido popular, recalcou.

Por outra parte, asegurou que no concello de Curtis dáse outra circunstancia que pode ser, na súa opinión, a verdadeira razón para a reforma do PXOM. Na localidade de Teixeiro, explicou será ubicada unha planta de biomasa que consumirá 500 mil metros cúbicos anuais de combustible e ese combustible debe ser aportado nun radio de 60 ou 70 km, e a bo prezo ou ben a reforma municipal débese a un “ensaio de forestación para todo o país”.

O PP DA UNHA PATADA NO CU AO DESENVOLVEMENTO E A  SUPERFICIE AGRARIA ÚTIL EN GALIZA

Para o parlamentario do BNG, resulta “inconcibible” que o Partido popular non se posicione a favor de protexer o territorio de Curtis, “un concello que conta cunha importante actividade agropecuaria e ademais, sostible”. Neste concello, engadiu, existe unha cooperativa con 300 socios e o concello está perdendo a oportunidade de ordenar as diferentes categorías para permitir “calquera uso  deses espazos”  en detrimento das actividades específicas para as que deben ser concibidos. Rivas cualifico este proceder de “patada no cu ás posibilidades de desenvolvemento” e sobre todo contra a  superficie agraria útil en Galiza que se sitúa no 21% fronte o 40% da media europea.

O parlamentario concluíu a súa intervención denunciando que  o “desinterese” do Partido popular  na protección do solo é “unha hipoteca para Galiza” e anunciou que o BNG seguirá na senda de presentar propostas e iniciativas para impulsar a protección agropecuaria e forestal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG