Mini pide Valedora do Pobo actúe con independencia se quere ser útil

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

O BNG considera que o 90% das queixas individuais do informe anual presentado na Cámara pola Valedora do Pobo mostra a “podredume” do sistema en cuestións como urbanismo, servizos públicos, deterioro do mercado laboral, incremento da desigualdade, abandono do rural ou envellecemento da poboación.

O deputado Xosé Luís Rivas, encargado de fixar a posición do Bloque ante o informe, lamentou a escasa efectividade da institución “para dar solución aos problemas que denuncia reiteradamente nos informes anuais, porque non ten capacidade executiva, nin de presión para solucionar ou influír nun sistema social capaz de xerar máis dun 25% de miseria, unha realidade laboral explotadora e un paro delictivamente xustificado”, denunciou.

Neste contexto, o deputado instou á Valedora do Pobo a ser algo máis que “o último recurso”, por contar,  pediulle  valentía e independencia desde a institución para evitar que sexa un elemento decorativo do sistema: “Señora Valedora do Pobo ármese de valor e se quere valerlle a este país colla a vía da independencia e actúe, motivos hai dabondo, só falta que force un chisco a maquinaria para que o seu labor teña sentido”, recalcou Rivas.

O deputado fixo referencia a que unha parte da cidadanía non acode á Valeduría do Pobo por descoñecemento, por falta de ferramentas ou mesmo por falta de conciencia sobre os seus dereitos a reclamar, de aí a importancia a que esta figura actúe con iniciativa e criterio propios, “se quere que a súa institución sexa algo máis que unha oficina de avogados para pobres e desesperados ou algo máis que unha desculpa para as malas conciencias”, concluíu.

O deputado fixo referencia a algúns dos temas que máis denuncias suman, como urbanismo, deficiencias en sanidade e educación motivadas pola política de recortes do PP, a vaga de lumes, moi conectada ca desorde urbanística e o abandono do rural, “lumes que asolaron Galiza ameazando vivendas e infraestruturas froito moitas das veces dese caos que padecemos nas áreas periurbanas”, indicou Rivas.

“A Educación coma dereito e á dificultade de ofertar igualitariamente unha educación de calidade fronte a unha demografía desigual, tanto polo número de alumnos coma pola realidade social e económica, cunha reestruturación de colexios feita a traizón”, denunciou o deputado, salientando que “as tesoiras da dereita entraron a fondo e os imprescindibles especialistas en apoio educativo para dar atención ao alumnado con necesidades especiais foron pasto dos recortes”.

Negativa a informar

En materia sanitaria, “son de escándalo os recortes de persoal e de material básico, as listas de espera, a burla que se lle está facendo á poboación en xeral coa privatización que o goberno nega con cinismo e que a xente percibe en carne propia, os negocios encubertos para a sanidade privada”, destacou Rivas. O deputado tamén citou as denuncias presentadas pola Plataforma da Mina Non de Touro ante a negativa da Xunta a dar información, negativa da que el tamén é vítima e que limita o seu traballo de control do Goberno.

O BNG fixo fincapé no feito de que o informe anual non inclúa reclamacións en relación á defensa da lingua galega, “senón daqueles que se senten agraviados porque a morte do galego non se produce coa celeridade que eles, vostedes e as súas leis pretenden”, criticou, ao tempo que lle reclamaba á Valedora do Pobo unha actuación de oficio en defensa do galego e do dereito a recibir ensino no idioma do país, e en temas de tanta transcendencia como o envellecemento da poboación ou o abandono do rural.

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG