Mini logra no Parlamento unha fronte común para esixir a Sánchez os 46 millóns de euros para sanear O Burgo

Xosé Luís Rivas %22Mini%22
Xosé Luís Rivas %22Mini%22

“Por tanto tempo de sufrimento e de cheiros pedimos o apoio a esta iniciativa do BNG que debe ser compartida por todos os grupos”, alegou

O BNG logra o apoio de todos os grupos da Cámara para reclamar ao Goberno de Pedro Sánchez os 46 millóns euros nos que está fixado o custe do saneamento integral da Ría do Burgo, a distribuír nos orzamentos do Estado de 2018 e dos que se aproben para 2019.

O acordo logrado polo deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, recolle textualmente:

“Reclamar ao Goberno do Estado que execute no máis breve prazo de tempo as partidas económicas que aparecen nos orzamentos do Estado en 2018, e que inclúa nos orzamentos de 2019 o montante económico complementario necesario para executar o calendario de actuacións. Igualmente, que fixe prazos reais, - a través do BOE e do DOG-, que permitan o inicio inmediato das obras do Plan de rexeneración da Ría do Burgo e a recuperación do bancos marisqueiros, así como o seu dragado, tratamento e limpeza de lodos e todas as accións necesarias para o seu saneamento integral”.

“Hai xa décadas que diferentes colectivos vimos reclamando unha actuación completa que permita recuperar todo o valor ambiental, social e económico desta ría”, indicou Rivas no debate na Comisión de Medioambiente.

“Por iso desta comisión non deben saír desacordos, porque temos unha oportunidade de ouro para facer que se dote este proxecto nos orzamentos, pola riqueza e capacidade de xerar postos de traballo desta ría, por tanto tempo de sufrimento e de cheiros, por iso pedimos o apoio para esta proposición non de lei do BNG que debe se compartida por todos os grupos”, argumentou o deputado nacionalista.

Fronte aos partidos estatais que mudan a súa posición segundo estean no Goberno da Moncloa ou sentados na oposición, o BNG, reivindicou Rivas, “sempre tivo unha posición clara e inequívoca en defensa da Ría do Burgo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG