Mini leva ao Parlamento as irregularidades da fallida planta de biomasa proxectada en Melide

Ana Pontón e o deputado Xosé Luís Rivas  Mini na súa visita á planta de biomasa de Melide
Ana Pontón e o deputado Xosé Luís Rivas Mini na súa visita á planta de biomasa de Melide

Interpela á Xunta por unha subvención dun millón de € cando o proxecto non tiña o aval dos técnicos municipais

O deputado pola Coruña Xosé Luís Rivas trasladou ao Parlamento as irregularidades denunciadas na planta de biomasa proxectada no Concello de Melide cunha subvención dun millón de euros por parte do Instituto enerxético de Galiza (INEGA).

“Non hai demanda enerxética suficiente en Melide, por iso non se entende que o INEGA conceda unha axuda tan importante, e por riba para unha planta ubicada a escasos metros dunha gardería infantil, dun colexio público”, denunciou Rivas, tras lembrar que o proxecto non conta cos preceptivos informes dos técnicos municipais senón que só foi avaliado por informes externos, ao que se suma o feito de que a empresa incorreu en falsidade documental.

Empezar as obras sen ter concedida a licencia ou a celeridade coa que se tramita toda a documentación, son outras das irregularidades que, xunto coa localización elixida, motivaron a creación dunha plataforma veciñal en contra desta iniciativa.

“Montouse esta plataforma cidadán porque a veciñanza tiña medo do que lle poda suceder aos seus fillos, e tan irresponsable o proxecto que clama ao ceo, e non hai ninguén que asine e avale este proxecto, nin quen avale o uso desta enerxía no concello de Melide”, argumentou.

Para o deputado é un exemplo claro de “aproveitamento dunha axuda para dar un pelotazo” que foi freado pola reacción dos e das veciñas, salientou, tras criticar a opacidade do goberno municipal, cunha rexedora que se nega a dar información oficial nos plenos. O BNG confía en que se devolvan todas as axudas públicas recibidas e que este proxecto quede definitivamente pechado atendendo ás demandas da plataforma veciñal.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG