Mini insta á Xunta a defender o medio rural galego ante a futura PAC

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

Acusa ao goberno de  incumprir  as medidas  de prevención derivando fondos europeos para  extinción coa perda  do 75% de cofinanciamente europeo neste ámbito 

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) instou á Xunta a “defender os intereses de Galiza na futura negociación da PAC”.

Trala comparecencia da conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez para informar do futuro da Política Agraria Común en Galiza, o deputado  asegurou que a política agraria galega “está hipotecada pola deficiente xestión dos montes”. Neste sentido explicou que o   gasto público na loita contra o lume pasou de 6M€  en 1989 a 68,6 M€ en 2006  e  192M€ no ano 2018,  o 39% do orzamento total da consellería. “Incumpren as medidas en materia de prevención derivando fondos europeos para extinción coa perda  do 75% de cofinanciamento nesta materia”.

Ante esta situación, Rivas  propuxo políticas de diversificación, ordenando as masas forestais en mosaico e os núcleos rurais en UXFOR como defensa contra o lume ademais de  ordenar o  aproveitamento do monte privado non xermánico, porque o  sector forestal, afirmou,  leva perdendo peso de maneira continuada,  tanto en valor económico, como en creación de postos de traballo.

Cando un optimismo ficticio, propagandístico, pretende disfrazar de alegría unha situación agónica,  chega ó esperpento e o que  vostede nos trae hoxe aquí,   é o resultado “dunha imposibilidade, dunha impotencia e  dunha falta de confianza nas nosas  potencialidades” polo que reclamou da Xunta que defenda “os intereses galegos nas futuras negociacións da PAC”.

Unha  PAC, engadiu,  aplicada a un Medio Rural galego  en proceso  de desintegración tras unha  brutal  desagrarización forzada  e inducida polas súas políticas erráticas. Continuaron afondando nos erros en vez  de aprender da  crise de prezos do leite do 2015 poñendo en marcha medidas para afianzar ao sector con  terras agrarias  para minguar a dependencia de insumos externos e aumentar os  rendementos por litro, “continuaron mirando para outro  lado”. Manteñen un Bantegal fosilizado para utilizar como bandeiriña nas festas gastronómicas onde falan, ironizou  de lo verde que era mi valle.

A este esperpento e  nun  país rico como o noso,    temos que sumar unha industria láctea débil de capital non galego. Producimos o 40% do leite do Estado e a industria láctea ubicada aquí non chega ó 10% en termos de emprego e valor engadido. Co 40% de produción a industria de capital galego supón entre o  3 e 4% a respecto da estatal e “sen unha industria que complete a cadea produtiva e xere valor engadido, o sector lácteo seguirá a ser vulnerable” recalcou o nacionalista.

Como vai o Goberno galego a  facer fronte aos recortes de fondos europeos previstos polo BREXIT e calculados nuns 10.000ME, con esta política agraria hipotecada polo gasto insostible en apagar os lumes? Teñen analizado o desafío da Seca que xa está connosco e que agudiza a violencia dos incendios, a erosión do solo, as emisións á atmosfera provocadas polos lumes? Teñen pensado algunha medida para configurar espazos rurais menos vulnerables ao fogo? Son conscientes de que amplas zonas agrogandeiras  van precisar de regadío para os  cultivos, nun pequeno prazo de tempo?

A gandería familiar é as granxas familiares son o principal sustento económico da poboación rural, polo que se debería apostar pola agricultura familiar fronte ao desafío das gandería industrial e as macrogranxas.

Cando van facer valer en Europa as características do noso País? preguntou porque  a realidade galega non é cerealista nin latifundista e os  nosos elementos diferenciais deberían primar. O deputado instou á Xunta a  facer presente Galicia en Madrid e en Europa para facer fronte aos retos e incertezas do Brexit e a  reestatalización progresiva da PAC que establecerá  en Europa agricultores de primeira,  de segunda e ata de terceira rexional, afondando aínda máis  nas diferencias xa existentes.

O  posicionamento do noso país, remarcou o nacionalista,   debería ser o  resultado de mesas de dialogo cos sectores e cunha postura consensuada ante unhas negociacións no último ano de mandato dun Parlamento europeo do que non sabemos nin a súa futura composición nin o seu  orzamento, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG