GALEGAS 2020

Mini: “Galiza necesita aumentar a cota da sardiña para que o sector non se vexa obrigado a parar a actividade nuns días”

Acto Sada
Acto Sada

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas afirma en Sada que “un goberno do BNG porá freo ao maltrato á flota galega”

Reclama para o patrimonio público galego a devolución do pazo de Meirás “roubado ao pobo galego polo ditador”

Mini: “Galiza necesita aumentar a cota da sardiña para que o sector non se vexa obrigado a parar a actividade nuns días”

O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas reclamou hoxe en Sada o aumento da cota de sardiña ante as dificultades polas que está a atravesar o sector do cerco. Rivas asegurou que a campaña de investigación do PELAGO20 confirma a recuperación da especie e resulta “imprescindible” revisar as cotas de captura para non abocar á flota a parar a súa actividade. Si o Goberno non aumenta inmediatamente os topes de captura da sardiña, “o cerco e o xeito terán que parar nuns días”.

Para o nacionalista resulta “inconcibible” que os datos de recuperación da sardiña non sexan un argumento de peso para aumentar a cota de captura até as 34.400 toneladas. A flota galega, dixo, está moi preocupada porque a cota actual dará por finalizada en cuestión de días e o incremento recente de 1.800 toneladas resulta insuficiente. É necesario “revisar os topes” para garantir a supervivencia da flota que depende da explotación desta especie que xunto ao xeito afecta a un gran número de postos de traballo, directos e indirectos. En relación ao xeito afirmou que xa debería quedar excluído das cotas de captura tendo en conta ademais que representa a principal arte tradicional e sustentable da actividade pesqueira, “respectuosa coa biodiversidade e os hábitats naturais das nosas rías”. O establecemento de cotas para esta actividade resulta prexudicial para o sector e pon en risco as nosas pescarías, recalcou.

O candidato lembrou que hai escaso días mantivo un encontro con representantes da Asociación do Cerco de Galiza que lle trasladaron a súa preocupación polas insuficientes cotas de sardiña e afirmou que o BNG defenderá as demandas do sector como xa fixo o deputado nacionalista, Néstor Rego ante o congreso para asegurar o presente e futuro da pesca galega tendo en conta, ademais, “que os estudos científicos avalan a recuperación da sardiña”.

O Pazo de Meirás pertence ao pobo galego

Na súa intervención en Sada, Xosé Luís Rivas aludiu ao Pazo de Meirás e a reclamación para que volva a formar parte do patrimonio público galego. Foron nacionalistas os que subiron ao pazo de Meirás, remarcou con rotundidade, “sen violencia” e para reclamar o que lle corresponde ao pobo galego, “o que lle foi roubado”, e son “19 os que están no xulgado”. Rivas cualificou de “anomalía democrática” que a estas alturas, o Pazo de Meirás continúe en mans da familia do ditador e volveu a reclamar a devolución do “ben roubado ao pobo galego”.

 

Mini: “Galiza necesita aumentar a cota da sardiña para que o sector non se vexa obrigado a parar a actividade nuns días”