Mini cuestiona os trámites e orzamento para acceder as axudas para prevención dos ataques do lobo e xabaril

Mini Rivas
Mini Rivas

Salienta as graves dificultades dos agricultores para denunciar os ataques do porco bravo e a deficiente prevención

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini) formulou hoxe unha pregunta parlamentaria sobre as axudas para previr os danos causados polo lobo e o porco bravo na gandería e nos cultivos agrícolas así como a dificultade dos trámites para acceder as axudas.

 O parlamentario  explicou que desde o ano  2016 non se publicaron  axudas para prevención e danos do porco bravo. “Disque non había queixas dabondo. Sra. Conselleira, marque vostede  o 012 e saberá o por qué!. Claro que este ano hai eleccións municipais e hai que repartir cartos e tapar buratos, de non ser así non entendemos como hai máis recursos para indemnizar danos que para a súa prevención. Para prevención de danos do lobo, 200 mil euros, para danos, 300 mil e para o xabaril, 100.000 euros fronte a 811.000 para indemnizacións.  O deputado cualificou de “ridículas” as dotación ante a magnitude do problema.

Para o nacionalista, “as  ordes son un insulto á intelixencia de todos aqueles sectores afectados e dos que temos preocupación pola pervivencia do rural”, afirmou. O Imprescindible equilibrio lobo—gando mostrenco—limpeza matogueira das serras ésta en perigo, advertiu, e os ataques ao gando extensivo, tanto vacún coma cabrún ou ovino non son atendidos en tempo nin avaliados no seu valor.

O parlamentario asegurou que os ataques do porco bravo afectan gravemente aos cultivos forraxeiros con maínzo e pradaría, ambos, dixo, cultivos fundamentais para as explotacións leiteiras ao que sumou danos en cultivos agrícolas de alimentación de autoconsumo e horta profesional, ésta última con grandes perdas.

Por outra parte, Rivas advertiu que o xabaril é transmisor da Peste Porcina africana  e Tuberculose, “un grave problema para a saúde do gando e das persoas ”  e ante o que  Medio Rural e Medio Ambiente, denunciou,  mostran “unha pasividade preocupante”. 

O deputado tamén aludiu ao que cualificou “anacronismos” das ordes   para  acceder e tramitar  ás axudas entre as que destacou : A esixencia dos permisos para acceder a licencia da construción de valados subvencionados que “todos sabemos son farragosas e complexas”, 100.000 euros para peches, cantidade insuficiente, referencia (Sixpac) das parcelas con cultivos afectados por danos producidos polo xabaril, indicando a superficie declarada na solicitude única da PAC do ano 2018, “cando sabemos que a agricultura profesional non está incluída nas axudas da PAC.”, manifestou.

 O parlamentario cuestionou a obrigatoriedade de formular a denuncia antes  das 72 horas do ataque  e preguntou como debe facer  un agricultor profesional para detectar os ataques antes de 72 horas en 70 fincas distantes?. Finalmente tamén preguntou porque son excluídas das axudas,  os arandos, amorodos, acelgas, allos, espinacas, pirixel, berzas, tirabeques, chícharos... e son admitidos  os boniatos. Toda  unha lección de coñecemento exhaustivo da realidade, ironizou o nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG