Parlamento Galego

Mini: "O combustíbel dos lumes son unha década de abandono do rural e unha política forestal errada"

Mini
Mini

O portavoz parlamentario de Medio Rural, Xosé Luís Rivas, salientou que os doce anos de Goberno de Feixóo “marcan o fomento do abandono da actividade agrogandeira, do peche de milleiros de explotacións familiares que pousaban e xestionaban o noso territorio” o que, sumado a unha política forestal que incentiva a plantación de pirófitas “sen orde nin concerto”, converten ao monte galego en presa fácil dos lumes.

Rivas chamou a atención sobre o feito de que os incendios se repitan ano tras anos nos mesmos concellos, nas mesmas áreas do país, como está pasando en moitos municipios de Ourense que viron como ardían 11.000 hectáreas en poucos días. “Os lumes medran e Ourense repite topónimos tódolos anos: Xurés, Cualedro, Montederramo, Rebordechao, Vilariño de Conso, Santalla de Montes...”, indicou.

Falta prevención e faltan medios, denunciou o deputado no Parlamento, “onde estaban os medios aéreos a fins de xuño? As tres brigadas helitransportadas da Xunta sen helicópteros. Como se pode defender Rebordechao do lume se a motobomba non pode nin acceder  ao núcleo habitado?”, interpelou Rivas ao conselleiro de Medio Rural, “e os drons marabillosos ou as cámaras de último grito?”.

O deputado tamén preguntou polas  “31 prazas de axentes ambientais para as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais anunciadas no PLADIGA pero que este ano xa non están. Ou o feito de que aínda non se aprobaron as axudas para as comunidade de montes solicitadas hai seis meses. Non sei se a Xunta espera que se fagan as rozas despois de que arda”, ironizou.

No caso concreto da provincia de Ourense, hai un evidente abandono do rural a súa sorte sen políticas de reactivación económica, de ordenamento do territorio, de aproveitamento do monte. “Que escuros intereses moven ao PP para empeñarse en políticas que destrúen o rural, que promoven o abandono e o despoboamento”, concluíu, tras denunciar que despois de “liquidar” as brigadas de SEAGA agora a Xunta fai contratación privadas para a limpeza de franxas que son máis caras para o erario público: “De quen é o negocio?”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG