Mini advirte contra unha posible forestación masiva en detrimento de terra agraria en Curtis

Mini
Mini

Pregunta á Xunta se vai propiciar un “enfrontamento” entre gandeiros e non gandeiros nun concello cunha cooperativa rural de 500 integrantes

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, pediu explicacións á Xunta en relación á modificación do PXOM de Curtis que impulsa o Goberno local do PP, que implicaría a supresión da figura de solo rústico de especial protección agropecuaria e a protección de gran parte do solo rústico de protección forestal, pasando todo a solo rústico de protección ordinaria.

Rivas considera alarmante a pretensión de levar a cabo estes cambios na ordenación municipal nun concello que ten vocación gandeira, cun potente sector leiteiro, e que conta cunha cooperativa rural integrada por 500 produtores, e advirte que estes cambios poden ser a porta de entrada a forestación masiva reducindo aínda máis terras agrarias.

Ante as evasivas da Xunta na Comisión de Agricultura, o deputado pregunta ao Goberno se pretende “propiciar o enfrontamento entre gandeiros e non gandeiros nun concello que ten un sector primario de gran importancia”. Salienta Rivas que a superficie agraria en Galiza está no 31% do total, moi lonxe do 40% da Unión Europea.

Para o deputado nacionalista, o Concello “fai deixación da facultade de ordenar as diferentes categorías de solo para que non haxa interferencias entre o forestal e o agrogandeiro, permitindo así que aparezan conflitos no futuro”. Ademais, “sen protección necesaria, parte da superficie agraria vai deixar de ser tal e pasará a ser ocupada pola forestal, en detrimento do sector agrario e gandeiro de Curtis”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG