Parlamento Galego

Mini acusa á AGADER de carecer de proxecto e pide un “plan de emerxencia” para o medio rural

Intervención Mini
Intervención Mini
  • O deputado do BNG tamén  reclamou un “enfoque de xénero” para a actividade agrogandeira e de transformación

O deputado do BNG,  Xosé Luís Rivas  acusou hoxe a Axencia de Desenvolvemento Rural Galego de carecer de proxecto ante a perda de poboación e actividade  polo que reclamou un “plan de emerxencia no que se impliquen diferentes consellerías”.

O parlamentario nacionalista explicou  que Feijóo aceptou un notable recorte de fondos do Estado para políticas de desenvolvemento rural,  “ 1.493 M€ menos”.  O PP de Rajoy, co consentimento de Feijóo, “bótalle unha man ao rural galego pero ao pescozo”, ironizou.

Trala comparecencia do responsable de AGADER, Miguel Ángel Pérez, o parlamentario nacionalista preguntou se os  orzamentos  que vai xestionar a a axencia  desenvolverá programas de formación, modernización e incorporación dos avances aplicados ao gando e a terra e se as “nosas froiteiras esterán surtidas de mazás galegas e razas autóctonas de calidade”, nun período inferior a dez anos.

O nacionalista reivindicou o impulso das variedades autóctonas  entre as que destacou a “pera, castaña e cereixa do país” e neste  sentido  preguntou quén se ocupará  desta materia e que mercado o vai rexer e ordenar.

O deputado do BNG tamén se interesou polo Banco de Terras como “prioridade na estratexia de desenvolvemento e ferramenta para o sector lácteo” e que o litro de leite, explicou,  “deixe uns céntimos máis de ganancia” pero todo indica dixo, que o Partido popular concibe Galiza como unha grande granxa “sen base territorial dependente de forraxes e cereais procedentes de fora”.

Un plan de emerxencia e máis presenza da muller no medio rural

O parlamentario do BNG, considerou “necesario e urxente” un plan de emerxencia con   ideas revitalizadoras para fixar poboación, microempresas, centros de maiores, casas niño...acompañadas de actividade laboral e económica para vertebrar de maneira real o territorio, recalcou.

 Xosé Luís Rivas tamén pediu ao responsable de AGADER  “un enfoque de xénero” na actividade agrogandeira e de transformación. É necesario, dixo,  que as  mulleres desenvolvan a actividade agraria porque contan con experiencia amplamente demostrada, “ofrézanlle ás xentes do campo un gramo de esperanza”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG