Congreso

A Mesa do Congreso rexeita unha iniciativa do BNG para investigar a corrupción dos Borbóns

Juan Carlos I e Felipe VI (Foto: Casa Real)
Juan Carlos I e Felipe VI (Foto: Casa Real)
Néstor Rego salientou que non investigar este tipo de condutas que afectan directamente á Xefatura do Estado é equivalente a amparalas e mesmo a lexitimar socialmente a corrupción.

O BNG presentou o pasado 2 de maio unha iniciativa solicitando ao Goberno central coñecer que actuacións pensa desenvolver co obxecto de investigar actuacións que afectan de forma directa á Xefatura do Estado, ao fío de novas informacións sobre prácticas corruptas de Juan Carlos de Borbón.

En concreto, Rego fai referencia á confesión de quen foi o seu “xestor” nesa operación, Arturo Fasana, diante da fiscalía suíza en que -segundo recollen algúns medios- tería asegurado que xestionou para Juan Carlos de Borbón o deposito nunha conta suíza de 1,7 millóns de euros procedentes presuntamente do sultán Bahrein.

A Mesa do Congreso, a pesar de que a iniciativa revestía a forma de pregunta ao Goberno sobre que actuacións pensan desenvolver ou promover para esclarecer estas acusacións que poñen en cuestión unha institución do Estado, rexeitou admitila a trámite. Unha decisión que, a xuízo do BNG, mostra, máis unha vez, a pretensión dos principais partidos estatais, incluídos o do goberno, de tapar a corrupción da monarquía.

O BNG destaca que estamos diante dunha sucesión de informacións que comprometen a pouca credibilidade que queda a unha monarquía xa profundamente desprestixiada. “Desde o punto de vista do BNG -subliña Néstor Rego- non investigar este tipo de condutas que afectan directamente á Xefatura do Estado é equivalente a amparalas e mesmo a lexitimar socialmente a corrupción”. O BNG no entende a decisión da Mesa e defende que “segue sendo necesario investigar, tanto no ámbito político como xudicial para determinar as responsabilidades e consecuencias a que houber lugar”.

Néstor Rego conclúe que, ademais de investigar, é necesario acabar xa cunha monarquía que como institución “é anacrónica e impropia dun sistema democrático, no que o Xefe do Estado debe ser elixido pola cidadanía. Non é admisible en democracia unha Xefatura do Estado vitalicia, hereditaria, que exerce “pola graza de Deus” e, neste caso, sobre todo pola do ditador Francisco Franco”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG