parlamento galego

Mercedes Queixas: “Fronte ao libro negro do PP está o libro branco cheo de voces da sociedade que non está disposta a aceptar o seu non ao galego”

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
A portavoz de Lingua aludiu aos continuos avisos de institucións como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega sobre a perda de uso do galego fronte un Goberno do PP “que ano tras ano reduce o orzamento para a normalización da lingua propia”

O BNG demandou do Goberno do PP un cambio na súa política lingüística, “o actual carece de transversalidade e non actúa no corazón do problema da desigualdade do galego”, acusou a portavoz de Lingua, Mercedes Queixas, ao conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, ao que lle reprobou “a súa irresponsabilidade, porque as súas políticas de normalización van polo aire e fuxen polo vento”, recriminoulle.

“Volvemos preguntarlle nesta Cámara se vostede avalíase tan ben e como mesmo rigor como demanda dos demais”, ironizou Queixas, “porque sempre que solicitamos algún tipo de avaliación da súa política lingüística recibimos a resposta de Mariano José de Larra, vuelva usted mañana”, declarou, en referencia a ausencia das avaliacións requiridas polo propio Decreto do plurilingüismo ou Decretazo ao respecto da avaliación anual á que está obrigada a Consellería de Educación, “nada sabemos disto, trece anos despois, de fonte oficial, porque a súa transparencia volveuse translúcida de tan pouco uso, confórmase vostede, señor conselleiro, con pasar de curso con cada vez máis materias pendentes”, recriminou.

A portavoz de Lingua criticou os recortes progresivos do orzamento dedicado á difusión e promoción do galego “mediante unha asfixia económica, fíxese, nos Orzamentos do 2009 o investimento era de 21.770.065 millóns de euros, nos do 2023 recortaron máis da metade desa cifra e deixárono en 10.907.619 millóns de euros, mentres no 2015 e 2016 foron uns cativérrimos 6,5 millóns de euros”, denunciou, acusando ao Executivo Popular de incumprir a Lei de Normalización Lingüística, o PXNLG a Carta europea das linguas minorizadas “o que é o mesmo que dicir que o PP está a incumprir os dereitos lingüísticos que fan parte dos dereitos humanos”, declarou.

Un PP, denunciou a parlamentaria nacionalista, “que pensa que o mundo é seu, cando confunden goberno do público con propiedade privada, e son capaces de incumprir o código de circulación viaria e poñer en risco a vida das persoas conducindo a 215 quilómetros por hora”, aproveitou para relembrar ao Executivo Popular sobre o presunto delito contra a seguridade viaria do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, unha actitude que o actual Partido Popular “non pode soster que é o partido que máis se parece á sociedade galega”.

Queixas fixo referencia aos resultados recollidos no Plan Estratéxico de Galiza 2022-2030, en concreto os da Enquisa Estrutural a Fogares “ cunha conclusión clara, o estancamento no uso habitual do galego que presenta significativas diferenzas xeográficas e por grupos de idade, se isto fora unha empresa privada, con estes resultados vostede estaría cesado, señor conselleiro” espetou a portavoz de Lingua a Román Rodríguez.

A portavoz de Lingua lembroulle ao Executivo do PP a necesidade “de poñer en marcha medidas aprobadas no Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004”, e emprazou á política normalizadora do presente e do futuro o reto “de conseguir que a cidadanía teña garantida a posibilidade de vivir en galego en todos os ámbitos, se o desexar, mais o Goberno Rueda esqueceu colocar as accións concretas para superar este importante reto”, afirmou.

“No BNG parecémonos á inmensa e diversa maioría da sociedade galega que quere máis galego: no amor ao galego e á súa práctica viva están as persoas que foron educadas na transmisión familiar, na discriminación, no autoodio, na prohibición ou como os neofalantes, na que moitas e moitos nos incluímos”, describiu Queixas, que anunciou que o BNG presentará nos vindeiros plenos “propostas en positivo para normalización e dinamización do galego como levamos facendo todo este tempo” fronte “o freo de man no que teñen cativa a lingua galega”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG