parlamento galego

María Albert pide ao conselleiro de Economía que actúe contra a perda dos postos de traballo de Iberdrola en Valdeorras

María Albert
María Albert
Pide  a Conde que deixe de actuar como "delegado territorial da empresa" e defenda os vinte postos de traballo ameazados pola deslocalización a Salamanca 

A deputada do BNG, María Albert formulou unha pregunta ao conselleiro de Economía, Emprego e Innovación, Francisco Conde sobre as medidas previstas polo goberno para defender os postos de traballo de Iberdrola en Valdeorras ameazados polo peche do Centro de Operacións de Cunca do Sil que será efectivo entre os meses de abril e maio e que suporán “a labazada definitiva” de Iberdrola a Valdeorras.

A parlamentaria  lembrou que hai dous anos, ante o posible peche, o BNG defendeu unha iniciativa “aprobada por unanimidade” que comprometía ao Parlamento a instar á Xunta a defender os  postos de traballo de Iberdrola na Comarca de Valdeorras e exixirlle á dirección de Iberdrola  poñer freo ao desmantelamento de servizos no territorio.

A deputada preguntou a Conde, como máximo responsable de política industrial, que vai facer o goberno para impedir a deslocalización e perda de 20 postos de traballo na Rúa, 16 deles de alta cualificación pola deslocalización  dos postos de traballo de Iberdrola en Valdeorras a Salamanca.

Tras a intervención do conselleiro de Economía  que eludiu enunciar algunha medida na liña exixida polo BNG, a nacionalista pediu, “altura de miras” e deixar de actuar como “delegados territoriais” da empresa en Galiza. Albert corrixiu ao membro do goberno e afirmou que son vinte  os postos de traballo ameazados e non oito como asegurou o conselleiro.

Por outra parte, a deputada asegurou que hai opcións e preguntou por que non pode ser o da Rúa un centro sombra do novo centro de  Salamanca?.

Iberdrola, afirmou é “un símbolo para a Rúa” e o seu peche representa ademais da perda de postos de traballo “afundir un pouco máis no abandono á comarca de Valdeorras”. Pechan as nosas estacións de trens, déixanos fora das   principais vías de comunicación, desmantelan a nosa sanidade e continuamos cun proceso de desindustrialización que agrava o despoboamento crónico a comarca por falta de alternativas de futuro. Valdeorras perdeu nos últimos 40 anos un 26,33% de poboación e a día de hoxe só contamos con 252 industrias dadas de alta en Valdeorras das que  só 12 contan con máis de 50 empregados.  A parlamentaria reclamou o compromiso da consellería de Economía e unha  “aposta real” por unha política  económica e enerxética que “non condene á morte a comarca de Valdeorras”.

“Non asuman como propio o discurso da empresa e defendan os intereses de Galiza fronte ao espolio continuado dos nosos recursos”.  Non permitan que Iberdrola se enriqueza  dos bens deste país sen que parte desa  riqueza retorne  á comarca de Valdeorras, sentenciou. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG