Malia o veto do PP o BNG proporá incluír nos orzamento de 2020 recursos para o Plan Retorna da mocidade emigrada

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil salienta que recuperar xente moza emigrada e atallar a precariedade laboral entre a mocidade son medidas clave para atallar a crise demográfica
Malia o veto do PP o BNG proporá incluír nos orzamento de 2020 recursos para o Plan Retorna da mocidade emigrada

O BNG propuxo no Parlamento que os orzamentos de 2020 inclúan unha partida para financiar un Plan Retorna que facilite o regreso da mocidade emigrada e deseñar, en diálogo coas organizacións xuvenís relevantes do país, políticas de fomento do emprego entre a xente nova coa finalidade de crear emprego estable e unhas condicións laborais dignas, tendo como obxectivo prioritario a igualdade de condicións e oportunidades das mozas e dos mozos.

A proposta, defendida pola viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, foi rexeitada polo PP, a quen criticou que a “Galiza moza” non pase de ser un mero slogan, que usa profusamente en período electoral, pero sen adoptar medidas que permitan cambiar  a realidade do país. Realidade “que vai en sentido contrario”, recalcou, “e cada vez perdemos máis poboación nova que vai á emigración e vemos como aumenta a precariedade laboral na que queda no país”.

De feito, Rodil lembrou que o PP xa ten vetado a proposta do Plan Retorna formulado polo BNG por primeira vez en 2016, “pero do que máis tarde a Xunta fixo unha mala copia á que denominou estratexia retorna que non vai máis aló de oficinas de información e cun obxectivo de conseguir o retorno de 12.000 mozos e mozas, obxectivo ben cativo tendo en conta que tiveron que coller as maletas 200.00. A proposta nacionalista inclúa unha actuación integral e ambiciosa”.

A viceportavoz parlamentaria insistiu en que “non é posible separar as condicións de vida da xente moza da crise demográfica que sofre o país, non se pode separar a precariedade laboral gravísima e as condicións de vida da xente nova da crise demográfica, porque é unha cuestión económica e non natalista”.

Rodil tirou de datos para contextualizar o problema, de tal xeito que a poboación entre 20 e 36 anos representa hoxe a taxa máis baixa dentro do total dos últimos 40 anos, o paro rexistrado suma 157.000 inscritas como desempregadas, continúa a sinatura de contratos en precario, de tal xeito que se encadea un contrato temporal tras outro, situación que afecta sobre todo a xente moza.

A proposición non de lei que defendeu Rodil na comisión parlamentaria de Economía incluía tamén unha batería de medidas ante o Goberno central, reclamando que Galiza teña capacidade plena para desenvolver un marco galego de relacións laborais, suprimir as ETTs, reforzar o servizo público de emprego e garantir a cobertura a todas as persoas sen ocupación, deseñando un plan específico para a mocidade mentres non se transfira a capacidade plena na materia. Igualmente, estabelecer a remuneración, co salario mínimo interprofesional, dos contratos formativos e en prácticas.

 

Malia o veto do PP o BNG proporá incluír nos orzamento de 2020 recursos para o Plan Retorna da mocidade emigrada