Maite Ferreiro: "Será vital para o rural galego que Galiza teña voz propia en Madrid"

A Pastoriza
A Pastoriza

Maite Ferreiro visitou unha explotación de ovino en Fonmiña “na que se demostra que a produción de carne é compatible e complementaria co mantemento do medio”

A candidata do BNG ao Congreso completou a xornada cunha visita á feira de Meira, e un acto público no auditorio de Escairón

A candidata do BNG ao congreso pola circunscrición de Lugo visitou unha explotación de gando ovino no concello de A Pastoriza, na parroquia de Fonmiñá, e sinalou “que Galiza teña voz propia en Madrid será vital para o rural, temos as ideas claras a respecto de cómo deben ser as políticas, en materías como a produción agrogandeira, para a realidade galega”. Por iso, un Bloque decisivo na política estatal vai usar os votos a favor das persoas que traballan no agro, “para que o sector produtor teña unha forza que o defenda, porque somos unha potencia agroganderia pero precisamos poder político”.

Maite Ferreiro fixo fincapé na importancia de facilitar a renovación xeracional, “como se deu no caso da explotación que visitamos hoxe” e acabar coa discriminación da muller no agro. No primeiro caso, con fondos suficientes e unha fiscalidade que non penalice á xente moza que recibe axudas públicas para incorporarse ao rural. E na segunda cuestión, medidas a favor da igualdade das traballadoras no agro en particular no relacionado cos ingresos e coa dificultade de acceso á copropiedade das explotacións.

“Os escanos que nos dean o 28A van servir para acabar coa discriminación da muller no medio rural e acabar coas barreiras de tipo legal que seguen existindo”, recalcou Maite Ferreiro. A candidata por Lugo, Maite Ferreiro, lembrou que desde a entrada na UE Galiza perdeu 90.000 explotacións agrarias e avanzou que o BNG “proporá no Congreso un plan estratéxico para o sector agrario para a produción de carne e leite”, así como medidas para mellorar as pensión mínimas, especialmente baixas entre os traballadores e as traballadoras do agro e nos concellos do rural cunha poboación moi envellecida.

 “A nosa proposta é subir as pensións na mesma contía que o SMI de xeito progresivo até igualar ambos ao 60% do salario medio do Estado. Non é xusto que persoas que traballaron no rural 40 ou 50 anos agora cobren unha pensión mínima”, salientou Ferreiro. Estes son, a candidata por Lugo, os compromisos do BNG. Nun Congreso sen maiorías, demandará medidas para garantir rendas dignas aos produtores, “e para iso necesítase transparencia e intervención no mercado e apostar pola transformación para xerar valor engadido con liñas de apoio concretas”, indicou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG