Luís Seara: “Votar BNG o 26 de maio é garantía de futuro para Ourense”

Acto Ourense
Acto Ourense

Ana Pontón pide o voto para que o BNG entre con forza no Concello como aposta polo cambio real a favor das persoas que precisa Ourense

 Ana Miranda reclama que os fondos de cohesión contemplen a dispersión de poboación e a falta de servizos sociais en Ourense

Luís Seara: “Votar BNG o 26 de maio é garantía de futuro para Ourense”

O BNG celebrou o seu mitin central cun Teatro Principal de Ourense ateigado. No acto interviñeron Rhut Reza, candidata número dous ao concello; Ana Miranda, candidata ao Parlamento Europeo; Ana Pontón, Portavoz Nacional da formación; e Luís Seara, candidato á alcaldía de Ourense.

Seara afirmou que o actual alcalde logrou poñer de acordo a toda a veciñanza: “este período foi o peor goberno da historia de Ourense”. Sinalou que o goberno fora incapaz de aprobar un so orzamento en catro anos e tampouco sacou á licitación “algunha das concesión administrativas, case todas caducadas e en precario”.

“Concentrar o voto no BNG é garantía de futuro para Ourense” afirmou o candidato á alcaldía. Sinalou que detrás do BNG hai un traballo inmenso de moito tempo. “O BNG ten sido determinante nos debates de maior relevancia política e social que se teñen dado en Ourense nos últimos trinta anos” destacou Seara.

Acto OurenseSinalou tamén que o vindeiro 26M tamén se “decide se queremos que os amigos dos especuladores sigan no goberno” ou, pola contra, “entren forzas políticas que poñan por diante os intereses da veciñanza como fai o BNG”. Asegurou que é necesario “sacar da UCI” ao concello e facer un Ourense “con futuro e propostas”.

Propostas que formulou durante a intervención como a plan integral de creación de emprego e a reactivación do comercio local. “Impulsaremos un gran pacto polo emprego e apostaremos polo termalismo, así como facer unha segunda exposición do PXOM” afirmou Seara. Asemade, durante a súa intervención esclareceu que coa súa chegada ao concello unha das grandes demandas do mandato. “Impulsaremos o centro para discapacitados maiores de 21 anos hoxe paralizado” sentenciou.

BNG como proxecto serio e solvente

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu o voto para a candidatura que lidera Seara porque é a única garantía do cambio real que precisa Ourense e deixar atrás catro anos perdidos “de desgoberno”, ante a total incompetencia do PP e da oposición.

“Temos un gran candidato, un gran equipo e un proxecto serio, solvente, unido e coa man tendida para transformar esta cidade en positivo, a favor das persoas. Por iso, pido concentrar todo o voto de país e todo o voto inconformista no BNG, para abrir un novo rumbo porque sabemos que outro Ourense é posible e queremos empezar a construílo a partir do 26M entrando con forza no concello”, argumentou.

Cun BNG “á alza”, amosouse convencida de que unha gran maioría vai aproveitar a oportunidade do 26M “para pasar a páxina dun PP que demostrou que non ten nada que aportar á cidade” e tamén para responder nas urnas a unha oposición que actuou “desnortada”.

“Ofrecemos un modelo municipal de éxito, que funciona, como demostramos nas vilas e cidades que lideramos desde os gobernos municipais. Onde gobernamos construímos concellos con calidade de vida, rentabilizamos cada euro, son exemplos de democracia participativa, concellos feministas, sustentables, honestos. Aplicamos política social, practicamos un urbanismo para as persoas, fomentamos o orgullo polo noso, pola nosa lingua e cultura. Conseguimos vilas e cidades con dinamismo económico, social e cultural.

Allariz e Pontevedra, no ámbito rural e no ámbito urbano, citou como emblema. “Ese é o modelo BNG para os concellos. Aí están os feitos. E, adaptado á realidade desta cidade, ese é modelo transformador a favor das persoas que queremos tamén para Ourense da man da candidatura que encabeza Luís Seara”, concluíu.

En chave Europea

Diante do problema do abandono do rural e de falla de infraestruturas, tal como acontece en diversos concellos da provincia de Ourense, a eurodeputada e candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, reclama que os futuros fondos de cohesión teñan en conta a situación de dispersión e abandono poboacional, a dispersión e a falta de servizos sociais.

“O aumento do 5% dos fondos FEDER, grazas ao criterio demográfico introducido polo grupo Verdes-ALE, pode servir para a creación de prazas públicas de para en centros para a terceira idade, para persoas con discapacidades ou con problemas de mobillidade”, salientou Ana Miranda. Segundo manifestou, esta medida permitirá fomentar a conciliación e a creación de postos de traballo.

Por outro lado, a eurodeputada nacionalista, defendeu a mellora da calidade da auga e o saneamento integral dos ríos como unha das preocupacións centrais do seu traballo no Parlamento Europeo. “A calidade da auga é moi preocupante porque nin en Ourense nin en toda Galiza se está cumprindo a Directiva Marco da Auga”, asegurou, ao tempo que explicou que é de obrigado cumprimento para as administracións galegas, tanto locais como autonómica.