Luís Seara liderará a lista do BNG en Ourense nas Municipais de 2019

Candidatura BNG de Ourense
Candidatura BNG de Ourense

Co BNG, UN NOVO PONTO DE PARTIDA PARA OURENSE. Aberto, inclusivo, verde e motor económico da Provincia, ese é o Ourense ao que aspira o BNG

O BNG é a única organización de todo o País que aposta por escoller, non so o cabeza de lista, senón un grupo de persoas que traballarán en equipo, desde xa, ata a cita de 2019, para ofrecer un proxecto que constrúa cidade recollendo o mellor da súa tradición e poñendo en valor os seus recursos

A asemblea local do BNG Ourensán designou a Xosé Luis Seara, Rut Marina Reza, Xosé Manuel Puga, Alba Sánchez Nieto, Xosé Diz Romay e Stella González como integrantes do primeiro tramo da candidatura que a formación nacionalista presentará en Ourense nas eleccións municipais de 2019. A militancia aposta así por Luis Seara, un dos referentes políticos da formación nacionalista como cabeza de cartel, ao tempo que aposta por un equipo de traballo mestura de experiencia e renovación nos primeiros postos da lista.

Nas súas primeiras palabras á militancia tras ser elixidos, os integrantes da lista aprobada, agradeceron a confianza depositada e anunciaron que van traballar como un tándem ata a data dos comicios, perfilando o proxecto de cidade co que van pedir a confianza dos Ourensáns e das Ourensás en 2019. Seara dirixiuse á militancia para pedir o seu esforzo. “hoxe pomos o contador a cero e iniciamos a conta atrás para voltar ao concello con forza e ser determinantes na configuración do proximo goberno municipal”. Temos unha tarefa ardua durante estes meses, hai que sumar adeptos á causa, falar con todo o mundo para que se incorporen ao proxecto do BNG.

“Un bo goberno caracterízase por dúas cousas: ter proxecto de cidade e ter capacidade, solvencia e liderado para levalo a cabo. Ourense, neste momento, carece de proxecto e carece de liderado. Non podemos asumir a parálise e o caos no que estamos instalados, hai que poñer a funcionar a súa enerxía e potencia”, salientou Seara.

O candidato lembrou que tras anos de traballo político noutras instancias (concello da Merca e deputación), ten agora a oportunidade “de traballar pola miña cidade, pola cidade na que vivo desde que nacín”.

As candidatas e candidatos eleitos avanzaron as liñas mestras do proxecto co que aspiran a construír “Un Ourense con horizonte claro, que recupere o pulso, a iniciativa e a ambición por avanzar, que non sexa conformista e poña en valor os seus enormes recursos e capacidades”.

O cabeza de lista e candidato a alcalde afincou o proxecto que propón o BNG en dúas apostas claras: “primeiro, recuperar o peso e o dinamismo económico da cidade; segundo, facer de Ourense unha referencia, en Galiza e fóra dela, de cidade inclusiva, igualitaria, verde e aberta”.

Seara insistiu ante a militancia en que “para facer de Ourense esa cidade de referencia non hai que estar mirando ou imitando a outros. Chega con saber ver e mobilizar toda a potencia, a capacidade e os recursos que Ourense ten, en favor dun proxecto compartido de cidade”. Nesta liña explicou que “a cidade que nós queremos constrúese a favor de si mesma, a partir do mellor da súa propia tradición.

“No BNG sabemos facelo” –insistiu- “e temos exemplos, na propia provincia e fóra dela, de prestixio internacional que o demostran. Nós non quedamos nas palabras bonitas, sabemos levalas á realidade”.

O candidato fixo fincapé na idea de que CO BNG, UN NOVO PUNTO DE PARTIDA PARA OURENSE, e pediu o apoio activo de toda a militancia, que tivo palabras de recoñecemento para os anteriores portavoces municipais e concelleiros e concelleiras nacionalistas e fixo un recoñecemento expreso do traballo realizado polos seus antecesores, “que desenvolveron un labor extraordinario” que co paso do tempo aínda se fixo máis evidente.

“Para min é un orgullo compartir candidatura con este grupo de persoas e representar ao BNG”, recalcou Seara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG